Piden que o grao de Dirección e Xestión Pública conte con facultade propia
Por Redacción
O campus de Pontevedra quere dar os seus primeiros pasos para contar cunha nova facultade. Non será, con todo, para acoller graos de nova creación. Desde Ciencias Sociais consideran necesario desligar o grao de Dirección e Xestión Pública e que este integre un centro propio.
Así o acordou a Xunta de Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a proposta da comisión académica deste grao e do Mestrado en Dirección Pública e Liderado Institucional.
Segundo recolle o escrito presentado pola coordinadora do grao, Soraya Rodríguez, e o responsable do mestrado, Xosé Mahou, esta decisión permitiría aproveitar a "ventá de oportunidade" que supón a implantación da modalidade virtual en Dirección e Xestión Pública.
Para iso, segundo o documento aprobado, cómpre crear unha estrutura organizativa que permita ordenar de forma autónoma as ensinanzas e os procesos académicos e administrativos e de xestión vinculados a estes dous títulos.
Esta solicitude, que recibiu 20 votos favorables e 18 abstencións na Xunta de Facultade, será remitida aos órganos de goberno da institución académica.
A partir de aí, o procedemento deberá ser informado polo claustro da Universidade de Vigo e ser aprobado tamén polo Consello de Goberno. Terá que contar ademais co informe do Consello Social e da Conferencia Xeral de Política Universitaria e, finalmente, deberá ser aprobado pola Xunta de Galicia.
Os impulsores desta iniciativa destacan que o grao en Dirección e Xestión Pública é "único" no sistema universitario galego e español e contará desde o vindeiro curso cunha modalidade presencial e outra totalmente virtual, que irá progresivamente substituíndo á actual modalidade semipresencial.
Trataríase, como sinala a petición, do primeiro grao no sistema universitario galego en contar cunha modalidade virtual, e que se suma a un mestrado tamén virtual en Dirección Pública e Liderado Institucional, que tamén se propón pase a depender desa Facultade de Dirección e Xestión Pública.
De aí que as comisións incidisen na súa solicitude "na necesidade de dotar estes títulos de marcos de liderado e xestión públicas propios”, coincidindo coa implantación dun novo plano de estudos en Dirección e Xestión Pública.
A proposta ten como obxectivo acadar unha "maior autonomía" na ordenación académica e en todo o que supón, como a captación de alumnado; e reclaman que a nova facultade comparta edificio con Ciencias Sociais e da Comunicación, establecendo órganos de cooperación e colaboración entre ambos os dous centros.
Relacionadas:
-
Vinte alumnos estrearán a modalidade virtual do grao en Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
O Consello de Campus aborda a implantación da modalidade virtual de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
A Universidade aproba a creación da Facultade de Deseño e Creación en Pontevedra
Por Redacción |