O goberno local de Poio quere converter a Rúa do Adro en Rúa Pepe Solla
Por Redacción
O falecemento o 5 de xaneiro do cociñeiro José González Solla, coñecido popularmente como Pepe Solla, levou ao goberno local de Poio a iniciar os trámites necesarios para cambiar o nome da actual Rúa do Adro e que pase a levar o nome do coñecido chef.
A proposta está apoiada polo goberno tripartito, formado por BNG, PSOE e Avante Poio, coa intención de que se manteña na memoria da veciñanza a figura dunha persoa que deixou un legado impagable no ámbito da gastronomía e da restauración tanto en Galicia como no resto do Estado. "Pepe Solla foi un dos grandes embaixadores que tivo Poio", afirma o alcalde Luciano Sobral.
A Rúa do Adro atópase nas inmediacións do restaurante Casa Solla e preto da igrexa parroquial de San Salvador. A actual denominación débese a que antigamente se atopaba nese punto o atrio da igrexa e alí celebrábanse diferentes eventos relixiosos e lúdicos. Actualmente está situada no lado contrario de onde se atopa o templo relixioso debido á presenza da estrada PO-308.
Casa Solla fundábase a principios da década dos sesenta e converteuse no primeiro establecemento en Galicia que lograba a prestixiosa Estrela Michelín no ano 1980, unha distinción que mantén desde entón, sendo un referente para todos os restaurantes de España.
A proposta desta homenaxe a Pepe Solla no rueiro do municipio debaterase nun próximo pleno da corporación de Poio.