Ponte Caldelas e Poio 'desbordan' polas fortes choivas
Por Redacción
As fortes choivas que caeron durante toda a xornada deste xoves deixaron un bo número de incidencias en Poio e Ponte Caldelas, dous municipios nos que houbo inundacións e bolsas de auga en distintos puntos.
No caso de Ponte Caldelas, chegou a desbordar o río Verdugo ao seu paso polo centro urbano. Xa pola tarde, o Concello tomou a determinación de cortar a circulación e restrinxir estacionamento na estrada da Calzada polo desbordamento e pediron precaución a todos os condutores na zona situada detrás da Praza de Abastos e da Casa da Cultura.
"Sabedes que o noso río sube con moita rapidez, polo que aconsellamos máxima precaución", advertiu o alcalde, Andrés Díaz. Pola noite, finalmente, o río desbordou e invadiu parte da calzada.
En Poio houbo bolsas de auga en xeral nas zonas de San Xoán, Combarro e Lourido que afectaron á seguridade vial. A Policía Local sinalou todas elas e pediu a intervención dos servizos municipais para solucionar a situación.
Ademais, no Camiño Real de Chancelas unha árbore de gran tamaño caeu e quedou no medio dun carril de circulación, de maneira que tivo que ser retirado pola Policía Local. Tamén deu problemas a árbore de Nadal da praza da Granxa, que daba chispazos.
A Policía Local tamén tivo constancia do desprendemento dun muro en Fragamoreira, da presencia de colectores no medio da calzada en varios puntos do municipio e de danos por inundacións en propiedades privadas e en zonas como o Camiño Pomar de Samieira ou Camiño da Bando do Río no Pereiro.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas tardará varios días en recuperarse do paso dos temporais
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas retira árbores das marxes do río e das estradas para evitar caídas
Por Redacción |
-
Pontevedra recolle en 12 horas máis dun terzo da choiva caída nos últimos 30 días
Por Manu Otero |
-
As choivas provocan o derrubamento de parte da Torre dos Montenegro, no Campiño de Santa María
Por Redacción & Cristina Saiz |