10N: Chaman á participación ante a "importancia" para Galicia desta cita coas urnas
Todos os políticos locais, como é habitual, depositaron o seu voto nas urnas a primeiras horas da xornada electoral. Antes ou despois de facelo, coincidiron na importancia que teñen estes comicios xerais do 10 de novembro e animaron aos pontevedreses a que non queden na casa e acudan a votar.
A candidata máis madrugadora foi a alcaldesa de Marín, María Ramallo. A cabeza de lista do PP por Pontevedra votou ás dez da mañá no IES Illa de Tambo, "o meu instituto de sempre", segundo lembrou.
Ramallo entende que a xente estea "cansa" tras tantas eleccións en tan pouco tempo, pero lembrou que a participación " é importante" porque hai " moitas cousas que decidir".
Durante o resto da xornada, ademais de visitar as mesas electorais de Marín e acompañar a Ana Pastor "a responsable de que estea nesta tesitura" en Pontevedra, pasará a xornada en familia e, posteriormente, seguirá o reconto desde a sede do partido.
Ás dez tamén foi a hora elixida pola candidata do BNG, Carme da Silva, que acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiu ao centro social do Gorgullón para exercer o seu dereito ao voto.
Da Silva destacou que "hoxe é un día moi importante para a sociedade galega" e pediu aos votantes que estean enfadados coa situación política "que transformen ou enfado en algo útil" e acudan a votar este domingo aos partidos que "pensen que mellor van a representar a Galicia" e que o fagan "co corazón" porque "é o que mellor nos di o que podemos facer".
"Se a xente non vota permiten que os poderosos decidan por eles e o importante é que decidamos o galegos", afirmou a dirixente nacionalista, que acudirá esta tarde a Santiago para seguir o escrutinio xunto aos seus compañeiros da executiva nacional do BNG.
En ausencia da candidata socialista, Olga Alonso, que votou en Vigo, o pontevedrés Guillermo Meijón, número 2 ao Congreso por Pontevedra, foi a referencia do PSdeG-PSOE na cidade. Votou ás doce e media do mediodía no colexio electoral situado no Arquivo Provincial de Pontevedra.
Para os socialistas, destacou Meijón, este domingo é un "día de festa" e sinalou que "alégrame comprobar" que os cidadáns se están animando a acudir aos colexios electorais, polo que asegura ser "optimista" ante o que lles deparará esta xornada.
Na cidade olívica votou tamén a candidata de Cidadáns, Beatriz Pino, que animou aos pontevedreses para apostar por un "voto de cambio" e lembrou que ante o elevado nivel de indecisos "hai partido". En Pontevedra, pola súa banda, votou o candidato ao Senado, o portavoz da formación de Albert Rivera na cidade, Goyo Revenga.
Mentres tanto, en Ferrol fíxoo a aposta de Galicia en Común, Yolanda Díaz, que fixo un chamamento especial ás mulleres e aos mozos para que acudan a votar porque "os que mandan de verdade e deciden as nosas vidas van votar", polo que considera "moi importante" que as clases populares exerzan o seu dereito democrático.
A confluencia de Unidas Podemos tivo como referente en Pontevedra á súa número 2, Ángela Rodríguez, que votou á unha da tarde no colexio Froebel.
Nesta xornada electoral tamén votaron en Pontevedra, entre outros, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no seu colexio habitual do Centro Galego de Tecnificación Deportiva; a ex presidenta do Congreso, Ana Pastor, agora candidata por Madrid, que o fixo en Campolongo ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, no colexio Álvarez Limeses.
Relacionadas:
-
Carme da Silva repetirá como cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra
Por Natalia Puga |
-
O PSOE revalida a súa hexemonía en Pontevedra ante un PP en alza e o descalabro de Ciudadanos
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
10N: Caída notable da participación dos pontevedreses nas eleccións xerais
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
10N: Os colexios electorais de Pontevedra abren con normalidade e sen incidentes
Por Alejandro Espiño |
-
Tranquila xornada de reflexión para os políticos pontevedreses
Por Alejandro Espiño |