A terceira fase da reforma de Marqués de Valterra executarase nun mes
Por Redacción
A empresa Construcciones Fechi, firma radicada no Porriño, será a encargada de executar a terceira fase da reurbanización da avenida de Marqués de Valterra, en Estribela.
Farao por un prezo de adxudicación de 68.155,67 euros e un prazo de execución de 30 días. A reforma está incluída dentro da obra pública que acompaña aos fondos da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela.
A actuación farase entre os números 93 e 71 e consiste na creación dunha nova beirarrúa con lousas de granito, incorporando o mesmo material no deseño das tapas das arquetas e dos pozos de rexistro.
Tamén está previsto redimensionar e substituír a rede de pluviais e revisarase a rede de saneamento, facendo os tramos que non existan na actualidade.