O Concello investiu 900.000 euros na reurbanización do barrio de Estribela cos fondos ARI
Por Redacción
O Concello de Pontevedra recibiu nestes días a obra da terceira fase da reurbanización da avenida de Marqués de Valterra, na parroquia de Lourizán, financiada con fondos da sétima convocatoria da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela. Nesta última década, o Concello ten investido preto de 900.000 euros para acondicionar en distintas rúas e prazas do barrio de Lourizán con cargo aos fondos ARI.
A Área de Rehabilitación Integral de Estribela foi declarada o 3 de maio de 2007 e dende aquela o Concello de Pontevedra optou a sete convocatorias. O principal destino dos fondos da ARI son actuacións para a rehabilitación de vivendas particulares, pero tamén existen partidas destinadas a actuacións no espazo público do ámbito para o que foi aprobada.
A primeira das actuacións no ámbito público en Estribela foi na rúa do Cruceiro que se iniciou hai agora 10 anos. Dende aquela, o Concello ten investido 899.032 euros en reurbanizar nove rúas, prazas e avenidas, incluída a que agora vén de rematar, acompasando á mellora que se vén facendo nas vivendas deste barrio mariñeiro do concello.
As actuacións foron de diverso tipo: renovación de pavimentos coa substitución de servizos soterrados, canalizacións de pluviais, reposición de iluminación pública, asfaltados e, incluso, a reforma do parque infantil do barrio.
Dos case 900.000 euros, a achega municipal foi de 593.777 euros e a subvención procedente do ARI (financiado con fondos do Estado e Xunta) foi de 305.255 euros.
Os investimentos de todos estes anos permitiron recuperar substancialmente o barrio mariñeiro de Estribela e transformar a súa imaxe, ampliando rúas, mellorando beirarrúas, creando plataformas únicas, soterrando servizos, instalando canalizacións de pluviais, reordenando espazos...
A terceira fase de reurbanización da avenida Marqués de Valterra foi realizada pola empresa Construcciones Fechi cun orzamento de 68.155 euros. A actuación executouse entre os números 93 e 71, e consistiu na creación dunha nova beirarrúa con lousas de granito, incorporando o mesmo material no deseño das tapas das arquetas e dos pozos de rexistro. Redimensionouse e substituíuse a rede de pluviais, e revisouse a rede de saneamento, facendo os tramos que non existían.
A reurbanización tiña un prezo de licitación de 96.977 euros e presentáranse 24 empresas.