Os animalistas critican o PP por "criminalizar" os xabarís
Por Redacción
A Fundación Franz Weber e a Asociación Animalista Libera criticaron o Partido Popular por "criminalizar" á fauna silvestre tras o anuncio do impulso dunha moción na Deputación Provincial de Pontevedra para reclamar unha estratexia común entre administracións para "frear" as consecuencias da proliferación do xabaril nos cultivos e na seguridade viaria.
Os animalistas aseguran que a proposta do PP está "infestada de cuestións paracientíficas", como a "suposta sobrepoboación" da especie cando "non existe estudo algún" ou a transmisión de enfermidades coas que, segundo estes colectivos, "tentan axitar un falso medo á cidadanía".
Os animalistas lembraron este luns que, ademais de non existir censos comarcais ou autonómicos sobre fauna silvestre, a propia Xunta de Galicia ampliou a tempada de caza "carecendo desta ferramenta científica" e "autoriza batidas fóra da mesma para supostamente previr danos, mentres o PP non esixe nada na súa moción ao executivo galego e si ao estatal".
Neste sentido os animalistas indican que xa existe un Plan de Vixilancia Epidemiolóxica sobre diferentes afeccións nos animais, como a Peste Porcina Africana, e o caso detectado máis próximo ao territorio galego se dió na fronteira entre Francia e Bélxica, e no seu momento o país galo suspendeu a caza para evitar a dispersión dos suidos, "todo o contrario do que expón o Partido Popular", apuntan.
Os defensores dos animais lamentaron o "pliegue absoluto dos conservadores e, dos socialistas nalgunhas zonas da provincia de Pontevedra, aos lobbies agrogandeiros e procaza, que non ofreceron solución realista algunha para evitar accidentes de tráfico con animais ou os danos en cultivos ademais de pedir máis matanzas cinexéticas".
No lado contrario sitúanse LIBERA! e FFW que expuxeron traballar ata 11 medidas distintas elaboradas por enxeñeiros forestais e biólogos, que xa funcionan con relativo éxito en municipios cataláns e que inclúen, entre outras actuacións, a modificación de parques e xardíns públicos, xeneralización de ferramentas preventivas non letais así como o ensaio da chamada contracepción, a través dunha vacina que esteriliza aos animais e que se atopa en período de probas no Parque Natural da Serra de Collserola.
Ambas as ONG animan ao PP "para traballar máis sobre a ciencia e menos sobre crenzas ou bulos relacionados con animais silvestres cuxo único obxectivo é exterminar a biodiversidade".
Relacionadas:
-
A avalancha de corredores sorprende a un xabaril na Illa das Esculturas
Por Manu Otero |
-
O xabaril, o abandono do monte e as enfermidades reducen as poboacións de coello
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
Piden á Xunta que contrate cazadores profesionais para facer fronte ao exceso de poboación xabaril
Por Anxo Lourido |
-
O PP pide á Deputación unha estratexia común para frear ao xabaril
Por Redacción |