O PP pide á Deputación unha estratexia común para frear ao xabaril
Por Redacción
O grupo provincial do Partido Popular defenderá este venres no pleno provincial da Deputación unha moción para reclamar ao Goberno central que deseñe unha estratexia común entre administracións para frear o impacto do xabaril na provincia, especialmente grave nos concellos do interior.
A intención dos populares é "buscar solucións contra a proliferación desta especie", que está a causar enormes estragos nos cultivos debido ao crecemento exponencial do número de exemplares.
O PP sinala que os seus efectos nótanse tamén en materia de seguridade viaria polos accidentes de circulación que provocan, ademais de introducir riscos tanto polo achegamento dos xabarís a zonas habitadas como pola transmisión de enfermidades.
Por iso, algunhas das medidas que propoñen os populares son que o Ministerio de Agricultura e Transición Ecolóxica proceda á declaración de praga para a excesiva poboación de xabaril, o que permitiría adoptar medidas consecuentes para esta situación. Ademais, tamén entenden que é fundamental elaborar un censo real oficial de xabarís por comunidades autónomas, e no caso de Galicia, que pedir á Xunta que colabore para facer o censo máis exacto posible.
Na proposta do PP tamén se inclúe solicitar ao Goberno do Estado unha normativa semellante á de Francia que protexa o sector da caza e os cazadores no exercicio desta actividade así como modificar a normativa básica de caza e garantías nas actuacións de control da poboación de xabarís.
Outros dos acordos da moción son instar aos ministerios a que establezan un protocolo de actuacións ante a praga de xabaril con Portugal dada a súa proximidade a Galicia, e á Xunta de Galicia para que cree alianzas con outras comunidades autónomas co obxecto de establecer estratexias comúns.
Con respecto ao Goberno autonómico, os populares piden que acorde unha estratexia de redución de poboación do xabaril en convenio cos cazadores con medidas adoptadas en conxunto e de xeito conveniado, e que declare a emerxencia cinexética e sanitaria temporal en Galicia, adoptando, entre outras medidas, a modificación da Lei de caza galega, en colaboración cos cazadores, para facilitar as batidas, épocas e períodos delas, número mínimo de membros de cuadrillas, zonas vedadas...; incentivar e promocionar o consumo e comercialización da carne de caza e, especialmente, a de xabaril; e reforzar as medidas sanitarias de control no sector porcino.
Relacionadas:
-
A avalancha de corredores sorprende a un xabaril na Illa das Esculturas
Por Manu Otero |
-
O PP acusa o Goberno de esquecerse de Pontevedra no seu balance da lexislatura
Por Manu Otero |
-
A situación de emerxencia climática protagoniza o pleno da Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Os animalistas critican o PP por "criminalizar" os xabarís
Por Redacción |