A Garda Civil retira do mercado 2.630 artigos falsificados valorados en 116.604 euros
Por Redacción
A Garda Civil interviu nun control na autoestrada AP-9 en Vilaboa unha partida de 131 pares de zapatillas deportivas supostamente falsificadas, unha intervención que eleva a 2.630 o total de produtos supostamente falsificados incautados no que vai de ano.
Segundo o balance realizado este venres pola Garda Civil, desde principios deste ano realizaron na provincia de Pontevedra 14 actuacións relacionadas coa comercialización de roupa e outros efectos falsificados, a maior parte en mercadillos ambulantes e controis de estrada.
Dos 2.630 artigos falsificados, a maioría son roupa, calzado e bolsos. En total, eses artigos alcanzarían no mercado un valor superior a 116.000 euros e foron detidas ou investigadas 15 persoas por delitos contra a propiedade industrial.
A última intervención realizárona a pasada fin de semana no transcurso dun control selectivo de vehículos que estaban a realizar a patrulla de seguridade cidadá e unidade Fiscal e Fronteiras da Compañía da Garda Civil de Pontevedra. Foi á altura do quilómetro 137,500 da autoestrada AP-9, na peaxe de Vilaboa.
Nun dos vehículos inspeccionados, no que viaxaban dous vendedores ambulantes veciños do Milladoiro (A Coruña), a Garda Civil atopou unha partida de calzado deportivo con etiquetas, supostamente falsificadas, de acreditadas firmas comerciais, que presuntamente se pretendía vender en postos de venda ambulante en Vigo.
Ao comprobar os compoñentes da patrulla que tanto o condutor do vehículo como o seu acompañante carecían da correspondente factura de compra, así como da preceptiva autorización das marcas rexistradas afectadas, procedeuse á incautación preventiva de 131 pares de zapatillas deportivas, cuxo valor no mercado supera os 6.500 euros.
Ao mesmo tempo, instruíronse dilixencias por un delito contra a propiedade industrial que, xunto coa roupa e o calzado aprehendido, serán entregadas no Xulgado de Garda de Cangas.
Relacionadas:
-
Incautan 9.000 euros en calzóns falsificados na peaxe da AP-9
Por Redacción |
-
Incautan unha partida de roupa falsificada na peaxe de Vilaboa
Por Redacción |
-
A Garda Civil incáutase de droga e roupa falsificada nun control de estrada
Por Redacción |
-
A Garda Civil intervén 336 pezas de roupa falsificadas na feira de San Breixo de Barro
Por Redacción |
-
Incautan unha partida de roupa e calzado deportivo falsificado no mercadiño de Portonovo
Por Redacción |