Técnicos municipais inspeccionan Pasarón para valorar a recepción do estadio
Por Diego Espiño
Tras varios meses de disputa entre Deputación e Concello de Pontevedra e unha vez recibidos os documentos que o goberno local demandaba, os técnicos municipais comezaron a inspección do Estadio Municipal de Pasarón, paso previo á recepción oficial da instalación.
Trátase dun proceso que segundo o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, será meticuloso e se prolongará ata finais do mes de setembro: "o que se trata é de recepcionar o camp nas mellores condicións posibles porque é unha obra importante, que custou moitos cartos e que vai ter un mantemento alto, a diferencia desta cantidade marcarase en que se reciba ben, se ten moitas deficiencias o custe será máis alto".
Aínda que haberá que esperar ao ditame dos técnicos, Fernández expresou ter dúbidas sobre unha instalación que se empezou a construír cun presuposto de 7,2 millóns e se disparou ata os 15,8 simplemente co que observa cando acode ao estadio: "os que vimos ao campo de vez en cando temos algunhas dúbidas, a iluminación parece que non é todo o boa que debería ser, parece que hai zonas onde hai entrada de auga e humidades e logo haberá que facer una revisión minuciosa da herba, ver o estado do terreo de xogo".
A DEPUTACIÿN DEFENDE A SÿA XESTIÿN
A preguntas dos medios de comunicación durante a rolda de prensa habitual dos venres, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, explicou que os técnicos provinciais achegaron "todo o que se demandaba" para "avalar que o traspaso se faga con todas as da lei". Ademais Louzán comparou a xestión "exemplar" que, ao seu xuízo, mostrou a institución que preside, fronte a outras responsabilidades municipais como son o acondicionamento da zona verde do ámbito do estadio de Pasarón ou o proxecto do Complexo lúdico-deportivo da Parda.