Reunión urxente polo Estadio de Pasarón
Por Oskar Viéitez
"Estamos ultimando cuestións de Pasarón", asegurou o Presidente da Deputación, Rafael Louzán. Ese era o asunto que reuniu hoxe na sede provincial ao propio Louzán, co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, o presidente e o vicepresidente do Pontevedra Club de Fútbol, Mauricio Rodríguez e José Manuel Fernández así como un representante de Fenosa que se incorporou a metade de reunión.
A presenza de Fenosa no encontro "urxente" obedece, segundo Louzán, a que o pasado 28 de febreiro concluíu o contrato que Gas Natural Unión Fenosa tiña coa Deputación. Agora será o Club de Fútbol o que asuma este contrato de fornezo de enerxía nas instalacións. "Corriamos o risco de que Fenosa cortase o subministro eléctrico a Pasarón, de aí a urxencia", xustificou Louzán.
"Corríamos o risco de que Fenosa cortase el suministro eléctrico a Pasarón"
Ademais a entidade provincial acaba de remitir ao Concello os documentos relativos á construción do estadio.
Neste sentido o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, informou en roda de prensa que o Convenio de Pasarón prorrógase ata o 31 de decembro de 2013. Ademais aprobouse o pago dos 600.000 euros nas certificacións de obra pola construción do estadio. "Con isto se zanja a débeda por este asunto do pagamento de facturas", apuntou González.
Pero aínda está en discusión a recepción da obra e hai "flecos pendentes" polos que no concello non están dispostos a asumila. Respecto diso dixo Louzán que a Deputación ten retida a fianza que hai cinco anos depositou Oreco, a empresa que executou as obras, para facer fronte a todas cuestións necesarias "o que supuxo unha garantía durante todo este tempo".
A obra que foi inicialmente adxudicada por 7,2 millóns de euros disparouse ata os 15,8.