Alfonso Rueda pide desculpas en nome da Xunta pola desatención do xurado popular no xuízo do crime da rozadora
Por Redacción
O grupo socialista no Parlamento de Galicia, a través da deputada Patricia Vilán, denunciaba no pleno o trato "denigrante" que se causou os once integrantes do xurado popular durante o caso do crime da rozadora, que se desenvolveu na Audiencia Provincial de Pontevedra en abril deste ano.
A representante socialista acusou á Consellería de Xustiza de ter convertido nun "calvario" o paso deste xurado popular pola Sección segunda da Audiencia durante o proceso. Relatou que os integrantes quedaran incomunicados durante dúas xornadas de deliberación, sen botellas de auga nin habitacións para durmir. Ademais tiveron que acudir a cear nunha bocatería escoltados pola Policía Nacional despois de rematar ás once da noite.
Vilán culpou o goberno da Xunta de Galicia de actuar con pasotismo ante estas situacións e sinalou que unha das persoas que formaba parte do xurado tiña presentado unha queixa formal ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Lamentou tamén que o director xeral de Xustiza tivera a "desfachatez" de cuestionar o traballo do persoal funcionario dos xulgados de Galicia. Indicou, ademais, que se vai celebrar unha xuntanza dos maxistrados do penal co presidente da Audiencia Provincial para tratar as acusacións do director xeral de Xustiza.
Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e máximo responsable político de Xustiza en Galicia, recoñecía o erro neste caso e pediu desculpas públicas aos integrantes do xurado popular. Sinalou que se abrira un expediente gubernativo no TSXG para investigar as causas destas desatención e depurar responsabilidades. Engadiu que no informe se constataba a falta de previsión do mantemento dos membros do xurado e se omitira unha segunda comunicación que sinalara a prórroga da vista oral.
O vicepresidente da Xunta alegou tamén que, nos 150 casos en que a administración autonómica foi responsable da atención do xurado popular, só se tiña rexistrado esta incidencia. Argumentou que neste xuízo a prórroga dos días inicialmente previstos no procedimento provocou este problema pero, en todo caso, asegurou que non se pode poñer en dúbida o funcionamento do sistema.
Relacionadas:
-
Así cambiou a atención aos xurados na Audiencia: de dous días sen auga nin comida decente a un trato atento
Por Natalia Puga |
-
Rueda responderá no Parlamento á polémica sobre o trato ao xurado na Audiencia
Por Redacción |
-
Piden a dimisión do director xeral de Xustiza por cuestionar os horarios dos funcionarios
Por Redacción & Natalia Puga |
-
As "andrómenas" do director xeral de Xustiza, que cuestionou o traballo dos funcionarios e causou enfado na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Funcionarios de Xustiza piden a dimisión do director xeral pola polémica dos xurados da Audiencia
Por Redacción |
-
Xustiza culpa á Audiencia da deficiente atención ao xurado do crime da rozadoira
Por Alejandro Espiño |
-
Condenado a 17 anos de prisión por asasinar o seu veciño cunha rozadoira na Cañiza
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |