Mosquera 'reactiva' o PXOM dando un paso atrás e deixando a súa tramitación en mans de PSOE e PP
Por Alejandro Espiño
O PXOM de Pontevedra volve poñerse en marcha. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, anunciou este venres a convocatoria dunha comisión municipal que aborde este asunto. Será o martes 11 de xuño ás 11.00 horas. Mosquera explicou que se cumpre así o acordo plenario, aprobado cos votos a favor do PP e PSdeG-PSOE e a oposición do BNG. "Nós respectamos os acordos porque somos plenamente demócratas", sinalou.
O concelleiro nacionalista asegurou que "transcorrido un prazo prudencial" desde dito acordo e á vista de que nin populares nin socialistas "fixeron propostas operativas e concretas", o BNG decidiu propoñer que dita comisión sexa copresidida por Antón Louro e Jacobo Moreira e que se marque uns prazos moi concretos "evitando eternizarse no tempo con debates bizantinos e xogos florais".
Mosquera adiantou que o BNG proporá un prazo de tres semanas para decidir se remite á Xunta o PXOM xa elaborado, e paralizado tralo rexeitamento da Xunta. En caso contrario, sumaríanse outras tres semanas para elaborar un documento de bases sobre os cambios que se propoñen ao documento, esencialmente sobre os aspectos que se mencionan no acordo plenario, entre outros, a edificabilidade residencial, ENCE, núcleos rurais ou Monte Carrasco.
"Que fagan as súas propostas, nós fixemos as nosas que son as que están recollidas no plan elaborado", destacou o responsable municipal nesta materia. Insistiu en que se se recollen as condicións marcadas pola Xunta "empeoraría drasticamente a situación de Pontevedra e o seu modelo de cidade", pero mostrouse disposto a facer "pequenas concesións" respectando unhas "liñas vermellas" que o BNG non está disposto a cruzar.
Entre elas, unha por encima de todas. "Non pasaremos baixo ningún concepto por un plan que marque os terreos de ENCE como industriais, votaremos radicalmente en contra", dixo Mosquera. Aínda que tampouco aceptarán un plan que deixe fora de ordenación os núcleos rurais ou que siga apostando por Monte Carrasco para un novo hospital. Así as cousas, recoñece que o PXOM podería saír adiante sen o voto favorable do alcalde "porque son eles (por PP e PSdeG-PSOE) os que teñen a maioría"
LOURO PIDE NON MARCAR "CONDICIÿNS DE SAÍDA"
Con respecto á convocatoria desta comisión, o portavoz do PSdeG-PSOE, Antón Louro, insistiu en que o seu partido "está na posición" de redactar un novo PXOM, pero lamentou "non compartir" os prazos marcados na proposta do BNG. "Levamos tramitando este asunto 10 anos e agora pretenden que o fagamos en tres semanas", explicou, tras o cal asegurou que esta premura "é algo impropio de alguén que ten interese en sacar o PXOM adiante".
Louro pide a Mosquera que traballe "con rigor e seriedade" e Moreira reitera que votará a favor de calquer plan
Ademais, Louro pediu a Mosquera que traballe "con rigor e seriedade" e que asuma a súa responsabilidade de liderar este proceso. "Nunca copresidirei unha comisión co señor Moreira", afirmou o edil socialista. "Sorpréndenme este tipo de propostas por parte de César Mosquera". A el e ao seu grupo pídelles que consensuen este documento "porque se se poñen en contra non ou quitaremos".
Neste sentido, Antón Louro pediulle aos seus socios de goberno que "non marquen condicións de saída" en relación ás súas posicionamientos previos e que "non busquen elementos de confrontación". Malia iso reiterou que o PSdeG-PSOE tamén se negará a cualificar o complexo de Lourizán no que se asenta ENCE como industrial ou a aprobar o uso de Monte Carrasco para o novo hospital.
O PP REITERA A SUA OFERTA DE "CHEQUE EN BLANCO"
Pola súa banda, o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, prefire esperar a coñecer a proposta do BNG antes de valorala, pero reitera o "cheque en blanco" que ofreceron os populares ao goberno municipal para aprobar o PXOM. "No tienen que negociar nada con nosotros, no hace falta que consensuemos nada, que presenten el plan que quieran y nosotros votaremos a favor", explicou a PontevedraViva.
Moreira explicou que neste asunto o PP "máis xeneroso non pode ser" e aínda que celebrou que Mosquera decida convocar esta comisión recordou que "sólo está cumpliendo un mandato plenario y le guste o no le guste tiene que hacerlo". En todo caso reiterou que "lo que queremos decir es que nuestra disposición es absoluta", ao entender que o PXOM é un asunto "prioritario" para o futuro inmediato de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O PP chama covarde ao BNG e afirma que "tienen miedo a aprobar su Plan General porque no les gusta"
Por Anxo Lourido |
-
Louro propón revisar os principios do PXOM: "non podemos programar o futuro en base a un documento de 2003"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra actualizará o PXOM xa redactado e enviarao de novo á Xunta para a súa aprobación
Por Alejandro Espiño |