Cinco mozos, multados con 300 euros pola Lei Mordaza tras pintar un mural LGTBI en Poio
Por Natalia Puga
Cinco militantes da organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, denuncian que nas últimas semanas recibiron unha proposta de multa da Subdelegación do Goberno en Pontevedra en aplicación da coñecida como Lei Mordaza por elaborar un mural de ideoloxía LGTBI nun muro da avenida Chancelas, en Poio.
Segundo denunciaron, estaban a pintar un mural coa mensaxe 'Construíndo a Galiza Diversa' o pasado 27 de outubro cando se presentou no lugar una patrulla da Garda Civil. Naquel momento, os cinco foron identificados e o pasado 29 de xaneiro chegoulles a todos eles unha comunicación oficial da Subdelegación do Goberno comunicándolles unha multa de 300 euros cada un, un total de 1.500 para os cinco.
Os cinco mozos son militantes de Galiza Nova na comarca de Pontevedra e este martes anunciaron que xa presentaron un recurso á sanción. De todos os xeitos, á espera da resolución deses recursos, desde o BNG e desde a propia asociación Galiza Nova déronlles o seu apoio e creouse un bono axuda para afrontar os gastos derivados de todo o proceso.
Unha das persoas denunciadas é Martín Coego, que este martes compareceu en rolda de prensa acompañado por varios integrantes da asociación xuvenil; o secretario xeral de Galiza Nova, Alberto Fernández; e o responsable comarcal do BNG, Demetrio Gómez.
Na comparecencia explicou que a propia notificación da sanción di que se fixo nun muro público e que, ademais, ninguén presentou denuncia, senón que foron a Garda Civil e a Subdelegación do Goberno as que actuaron de oficio contra cinco mozos que tan só estaban a reivindicar os "dereitos máis elementais" como a diversidade de orientación sexual.
Este mozo considera que a proposta de sanción é "un ataque á liberdade de expresión" e reivindica o seu dereito a seguir manifestando a súa opinión. Engade que non se trata dun caso illado, senón que é resultado da Lei Mordaza, que aprobou un goberno do PP, pero que o actual Executivo socialista de Pedro Sánchez non derrogou.
Tanto Demetrio Gómez como Alberto Fernández coinciden na necesidade de pedir a Pedro Sánchez a derrogación desta lei, que "o único que fai é aumentar a represión sobre movimentos que non lle interesan ao sistema".
Ademais, lembran que non é a primeira vez que os integrantes de Galiza Nova reciben sancións en aplicación da Lei Mordaza e que neste caso no citado muro de Poio xa había unha pintada previa, de maneira que non entenden o motivo de que os identificaron e multaran por pintar enriba. "En ningún caso empeorou o estado do mobiliario público", sinalou Martín Coego.
Relacionadas:
-
Policías e gardas civís concéntranse contra a reforma da Lei Mordaza co apoio de PP e Vox
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Multan con 200 euros a Galiza Nova por pintar un mural dedicado a Rosalía
Por Alejandro Espiño |
-
A CIG reclama a anulación das reformas laborais e da Lei Mordaza ante a Subdelegación
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |