Multan con 200 euros a Galiza Nova por pintar un mural dedicado a Rosalía
Por Alejandro Espiño
Douscentos euros. É a multa que impuxo a Subdelegación do Goberno a Alberte Fernández e Sabela Bará como responsables de Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG. E todo por un mural que pintaron na rúa Alcalde Hevia conmemorativo do Día de Rosalía, celebrado o pasado 24 de febreiro.
Unha denuncia presentada ante a Policía Local é a orixe desta sanción. Na devandita reclamación, aseguran que os integrantes de Galiza Nova realizaron "danos ou deslocemento" de bens de uso público ou privado, ao pintar o mural sobre unha parede.
Pero para este colectivo, é un intento de "silenciarnos", segundo sinala Alberte Fernández, o seu responsable comarcal. Explica a PontevedraViva que non se produciu dano algún sobre o mobiliario urbano, xa que o muro en cuestión atopábase abandonado e en condicións precarias. Nel, ademais, xa estaba pintado un grafiti que se tapou con este mural dedicado a Rosalía de Castro.
Así se recolle no informe da propia Policía Local e nas fotos que acompañarán á alegación que presentarán ante a Subdelegación do Goberno, organismo ao que o corpo policial, en cumprimento da Lei de Seguridade Cidadá -coñecida popularmente como Lei Mordaza-, remitiu dita denuncia ao tratarse da queixa dun particular.
"Esta multa responde a cuestións totalmente políticas que buscan perseguir todo rastro de cultura alternativa ao que o sistema quere", explicou o responsable de Galiza Nova, que estivo acompañado na denuncia pública do ocorrido, entre outros, polos concelleiros Demetrio Gómez, Alberto Oubiña e Carme da Silva ou por Bieito Lobeira, membro do Consello Nacional do BNG.
Sabela Bará, a outra persoa multada en Galiza Nova, lamentou que esta situación demostra que o goberno español "só lle interesa a Rosalía que chora", mentres que os nacionalistas lembran que existe unha "combativa, feminista e que defende o seu pobo que é a que nós queremos que estea na rúa".
Ambos coincidiron no seu rexeitamento frontal á Lei Mordaza e lembraron que o BNG aposta pola derrogación desta normativa "non como o paripé que fixeron outras maiorías parlamentarias destes meses non Congreso que non moveron un dedo por derrogala".