Comisións Obreiras alerta do perigo de "inxerencias políticas" da Deputación na dirección do Museo
Por Oskar Viéitez
Os delegados sindicais de Comisións Obreiras criticaron que o Museo de Pontevedra "corre o grave perigo de ser sometido a inxerencias políticas" da Deputación provincial por impoñer o "dedazo" na convocatoria da praza de dirección deste organismo cultural.
Cuestionan as bases deste proceso de contratación para cubrir unha vacante nun posto de alta dirección, aínda que admiten ser conscientes de que "é legal aínda que non nos parece ético".
Este luns en rolda de prensa, Ángela Comesaña e Juan de la Vega trasladaron o parecer de boa parte do persoal técnico do Museo de Pontevedra. "Non é a da totalidade", precisaron.
Consideran unha "tremenda irresponsabilidade" por parte dos dirixentes políticos desta Deputación provincial permitir que o Museo permaneza sen dirección un mínimo de cinco meses, "máximo tendo en conta que a xubilación do anterior director estaba prevista de xeito automático".
Denuncian así mesmo a "total e máis absoluta falta de respecto cara o cadro de persoal do Museo" que pese a telo solicitado en reiteradas ocasións "no foi digno" de recibir explicación de ningún tipo por parte do deputado de Cultura, Xosé Leal "que nin sabe nin contesta".
Reprochan que toda a información que teñen ao respecto recibiuna o persoal sempre a través dos medios de comunicación incluída a decisión de deixar en mans dos técnicos de cada sección unha serie de responsabilidades que, por outra parte, "non están contempladas nas súas retribucións", a pesar dos intentos de negociación para a creación dun organigrama e unha guía de funcións que permitan a maior operatividade posible o servizo.
"Somos o Museo de Pontevedra, non o museo do xamón"
Comisións Obreiras critica que nin o vicepresidente César Mosquera nin o deputado Xosé Leal contemplen a posibilidade de que un membro da actual plantilla poida suceder ao ex director Carlos Valle ou que non se estudara a posibilidade de cubrir o posto de dirección de maneira temporal cun técnico superior do propio Museo, ata que chegue a nova persoa responsable da dirección.
Despois de sinalar que co curriculum de Xosé Leal "non o vexo preparado para isto", Ángela Comesaña lamentou a "improvisación política" e que nestas "mans inexpertas e ignorantes sobre este campo", recaia a responsabilidade de decidir quen será a persoa que dirixa o Museo nos próximos anos. "Somos o Museo de Pontevedra, non o museo do xamón", engadiu.
Estes delegados sindicais denuncian que case catro anos despois de que foran eliminados os organismos autónomos da Deputación "seguimos igual: sen autonomía, sen organigrama, sen guía de funcións, sen dirección e sen sentido". Por non ter, engaden, "o museo non ten nin uns estatutos que regulen o seu funcionamento".
Finalmente rexeitan que o "Museo de Pontevedra queda a mercé da xestión política que toque en cada momento", e lembran que, se ben a figura do director ou directora é precisa, quen ocupe ese posto terá que traballar cun equipo, que coñece de cabo a rabo o Museo e que merecen tanto respecto polo seu labor, "como calquera con toda a preparación que poida ser sexa decana, director doutro museo, catedrático ou domador de circo, entre outras cousas".
RESPOSTA DE MOSQUERA
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera xustificou que as bases para optar ao posto de dirección do Museo recollen "o que di a lexislación para cubrir postos directivos" e recoñeceu que "eu quizá non o faría así" pero "hai que aterse á lei".
Mosquera engadiu que son "os mesmos criterios" que se seguiron nas convocatorias do posto de dirección da Cidade Infantil Príncipe Felipe e do servizo provincial de Mobilidade, "e non pasou nada e funciona razoablemente ben".
"Levariámonos unha alegría se fora alguén que xa coñece o Museo de Pontevedra", concluíu o vicepresidente da Deputación.
Relacionadas:
-
José Manuel Rey, novo director do Museo de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Aberto o prazo de achegas para a elaboración do estatuto do organismo autónomo do Museo
Por Redacción |
-
Amigas e Amigos do Museo solicitan que a Xunta asuma a xestión do Museo de Pontevedra
Por Olaya Madrigal |
-
Coalición Son denuncia prácticas irregulares de contratación no Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
Buscan "solvencia e experiencia" para a dirección do Museo de Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O deputado de Cultura agarda que esta semana saian as bases para a escolla da persoa que dirixirá o Museo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A persoa que dirixa o Museo de Pontevedra escollerase nun concurso "por meritocracia pura e dura"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación convoca un posto para dirixir o Museo tras a xubilación de Carlos Valle
Por Redacción |