Trasladan ao goberno local as queixas da veciñanza de Ardán polo pintado da PO-551
Por Oskar Viéitez
Varios membros do BNG de Marín, entre quen se atopaba a portavoz municipal Lucía Santos, achegáronse esta semana a Ardán para falar coa veciñanza da parroquia en relación coas queixas que veñen manifestando polo recente pintado da PO-551 á altura do colexio.
Segundo os nacionalistas, a veciñanza manifestoulles a súa disconformidade co pintado desta estrada de titularidade da Xunta de Galicia, posto que introduciron uns cambios que "complican dun xeito importante a circulación dos vehículos".
Concretamente, na zona situada á altura do CEIP de Ardán, da baixada de Malvido e diante do establecemento Comercial Cabaleiro, que estaban pintadas con liñas discontinuas e que permitía o acceso á PO-551 en dirección a Bueu, foron substituídas por unha liña continua que agora mesmo o impide.
Esta situación obriga á veciñanza a acceder á PO-551 en dirección a Marín e na rotonda de Ardán dar a volta para ir cara Bueu.
Ademáis califican de "incomprensible" o pintado con liña continua na saída do CEIP de Ardán, din no BNG. Nesta zona hai semáforos na PO-551, polo que cando os vehículos saen do centro escolar cando o seu semáforo está en verde, os vehículos que puideran transitar pola PO-551 están detidos no semáforo, polo que non entenden que non poidan acceder a esta estrada en dirección a Bueu desde a escola.
Hai un mes que tanto a ANPA do CEIP de Ardán como a asociación de veciños presentaron escritos no Concello de Marín coa intención de contactar co goberno local de cara a resolver esta situación, pero despois dun mes non recibiron resposta.
Lucía Santos asegurou que no BNG apoian as demandas da veciñanza e anunciou que solicitarán ao goberno local a restauración da situación anterior.