En 2014 a ONU Hábitat -entidade da que entón Joan Clos era director executivo- chamoulle a atención "a contundencia e desición" que tivo o Concello pontevedrés para aplicar o modelo urbanístico que tiñan previsto desenvolver.
"É un modelo coherente, robusto e que funciona e isto ten moito valor", engade. Preguntado polos acertos que atopa no devandito proxecto, o político catalán apunta "a sensación de que vas andando e a tres minutos resolves o 80% das necesidades da túa vida cotiá". E por desafíos futuros, responde: "empezar a pensar no ámbito metropolitano".
Charlamos co que fora ministro de Industria, Comercio e Turismo sobre urbanismo sustentable, a cuestión que nos últimos anos ocupa a súa traxectoria profesional. Falar de desenvolvemento urbanístico é falar de desafíos; así que expomos varios desafíos, como os demográficos e sociais; basta mirar ao Mediterráneo, á fronteira de México con Estados Unidos ó ao sur peninsular. "As crises migratorias serán o gran tema do século XXI e non vai descender a presión sobre as migracións ata que haxa un desenvolvemento sustentable".
Os deseños urbanos tamén repercuten na compra ou aluguer de vivenda; así que preguntamos por este tipo de desafíos económicos: "necesitamos políticas públicas de vivenda alcanzables para evitar a expulsión de parte da poboación de determinadas zonas dunha cidade a outras, o que se denomina xentrificación".
En canto aos desafíos ambientais, que asumir e que descartar?, neste Cara a cara, Clos explica: "o modelo urbano actual é inviable, ten que cambiar si ou si: mobilidade eléctrica, enerxías renovables, xeración de renovables máis preto de onde se consome esa enerxía; veremos profundos cambios neste terreo enerxético".
Preguntamos igualmente por Barcelona a quen foi o seu alcalde durante case unha década. Clos ten falado da cidade condal como modelo de urbanismo e expomos en PontevedraViva Radio que lle está pasando á capital para que a convivencia estea a verse afectada por cuestións relacionadas coa xestión de espazos públicos ou determinados usos da vivenda.
Neste punto Joan Clos evidencia unha cuestión extensible a outras urbes: como manexar o éxito turístico.