A área de Rehabilitación de Pontevedra recibirá menos cartos dos solicitados debido á capacidade de xestión demostrada
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará un total de 843.905,45 euros ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Pontevedra, o que supón preto do triplo dos fondos executados polo concello no marco do plan de vivenda 2013-2016, no que certificaron ata o momento a execución dun total de 309.415,92 euros, pouco máis do 38% dos fondos asignados.
Ademais da contía que se lle asigna neste reparto, o Concello de Pontevedra dispón de máis de 900.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015, que foron prorrogados para que a cidade non perdese ese importe, e 329.991,06 euros correspondentes aos convenios asinados en outubro de 2017.
Tendo isto en conta, a cidade de Pontevedra disporá en total de 2,07 millóns de euros para poder investir en actuacións nas ARI declaradas na cidade.
Segundo explicou a Xunta, o reparto dos fondos dispoñibles responde, entre outras cuestións, á capacidade de execución demostrada por cada concello nos últimos anos. Por este motivo, Pontevedra -pese a ter solicitado en 2018 a asignación de máis de dous millóns de euros (unha contía 6,5 veces superior ao executado nos últimos anos)- recibirá unha contía "máis acorde á xestión realizada".
MARÍN
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este martes as actuacións que se están a executar na Área de Rehabilitación de Marín.
A conselleira salientou que os veciños de Marín que desexen desenvolver accións contarán con 600.000 euros máis; que se suman aos máis de 413.000 euros que están actualmente en execución procedentes de repartos anteriores, polo que a dispoñibilidade total para Marín ascende a un millón de euros.
A área de rehabilitación do conxunto histórico de Marín foi declarada hai sete anos, e ampliada en 2015, incluíndo xa na súa delimitación o barrio da banda do río Lameira. Grazas aos fondos destinados ao longo destes anos, preto dun millón de euros, rehabilitáronse un total de 124 vivendas neste concello, que ademais ten recibido axudas por importe de 230.000 euros para levar a cabo tarefas de urbanización e reurbanzación nesta área de rehabilitación.
VILAGARCÍA, CAMBADOS E CALDAS
A consellería destinará un total de 655.487,27 euros ás áreas de rehabilitación integral (ARI) dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Cambados e Caldas de Reis.
Ademais deste fondos, Vilagarcía e Cambados tamén disporán de máis de 107.000 euros pendentes de certificar correspondentes aos convenios asinados en 2015 e 422.242,82 euros correspondentes aos convenios asinados en outubro de 2017. No caso concreto de Caldas de Reis, é a primeira vez que o municipio solicita acceder a estes fondos tras obter a declaración da súa ARI a comezos de 2017.
No reparto de fondos de 2018 ao concello de Cambados correspóndenlle 166.309,27 euros (que se sumarán aos máis de 290.000 euros pendentes de execución), ao de Vilagarcía de Arousa 164.999,56 (que ten preto de 280.000 euros sen executar) e ao de Caldas de Reis, 324.181,44 euros.