En Marea pide explicacións polo apoio presencial do vicepresidente da Xunta á festa taurina de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os deputados de En Marea Marcos Cal e Julia Torregrosa, acompañados polo responsable do colectivo animalista Libera, Rubén Pérez, criticaban na mañá deste xoves ás portas da Praza de Touros de Pontevedra que a Xunta de Galicia apoie a festa taurina das Festas da Peregrina coa presenza de Alfonso Rueda, vicepresidente autonómico nestes eventos.
"É intolerable que se respalde este tipo de espectáculos na Xunta", indica Marcos Cal sinalando que o responsable da administración autonómica ofrecía unha imaxe "moi fachendosa". Neste sentido, o deputado lamentou que Rueda acuda a estes espectáculo e non ás concentracións de xubilados reclamando mellores pensións ou aos actos contra as violencias machistas.
Neste sentido, preguntarán ao vicepresidente por vía parlamentaria que custo supón para o erario público a súa presenza no recinto taurino ou a que responde esta invitación. Sinalan os representantes de En Marea que queren saber se desde a Xunta se considera positivo apoiar estes espectáculos que, segundo expoñen desde esta agrupación política, non contan co sustento da poboación galega.
Por iso, pedirán que a Xunta se comprometa a non apoiar a presenza de representantes nestes actos e teñen previsto preguntar tamén pola presenza de menores nas corridas deste ano. Neste sentido, En Marea cre que é necesario que a Xunta actualice a normativa e se prohiba o acceso aos menores de 18 anos, como sucede nas Illas Baleares. Por agora, en Galicia a prohibición só afecta a menores de 12 anos.
Rubén Pérez de Libera sinalou que teñen constancia de menores na praza de touros durante os eventos deste ano pero descoñecen o número. Afirma que pediron datos tanto á Subdelegación do Goberno como á Xunta de Galicia sobre a cifra de menores que asistiron ás corridas.
Pola súa banda Julia Torregrosa insistiu en reclamar ao goberno do BNG do Concello de Pontevedra a fin do convenio vixente.
"Non ten ningún sentido que por unha banda as administracións se amosen contrarias ás actuacións violentas contra os animais e doutra manteñan un convenio duns 35.000 euros que permite á cidade manter este espectáculo taurino", sinalou indicando que hai outras alternativas na cidade como Campolongo, a Illa das Esculturas ou o Paseo de Montero Ríos para utilizalos como espazos nos que celebrar os torneos medievais da Feira Franca que, tradicionalmente, se desenvolven no recinto taurino.
Relacionadas:
-
Reclaman á Xunta iniciar o proceso para expropiar a praza de touros de Pontevedra
Por Redacción |
-
Marea e Galicia Mellor sen Touradas entregan 130.000 firmas contra o convenio coa praza
Por Redacción |
-
Asociacións animalistas ven unha "evidente decadencia" da afección taurina en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, declarado concello contrario á tortura animal
Por Natalia Puga |