Reclaman á Xunta iniciar o proceso para expropiar a praza de touros de Pontevedra
Por Redacción
A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas propuxo este mércores ás forzas políticas a presentación dunha emenda ao proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2019 para que se inclúa o "custo suficiente" para iniciar a "reconversión" da praza de touros de Pontevedra.
Os abolicionistas expoñen esta iniciativa co obxectivo de que sexa o executivo autonómico quen dos "primeiros pasos" para que o coso taurino "pase a mans públicas", ben do Concello, ben dun consorcio que podería estar formado pola propia Xunta e a Deputación de Pontevedra, para xestionar o recinto no futuro.
Para a plataforma, o procedemento compartido de expropiación e reformulación das instalacións supón "un aforro para as arcas municipais a longo prazo", xa que posibilita que o goberno local poida programar concertos de pago de gran formato en Pontevedra.
Neste sentido Galicia, Mellor Sen Touradas reforza a súa proposta de converter a praza de San Roque en un gran espazo multiusos, aberto a concertos de diferente formato pero tamén accesible para a programación de actividades deportivas, que poderían albergar competicións regulares ou internacionais, xerando un impacto económico positivo na cidade do Lérez.
Con todo, a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas entende que o proceso orzamentario pode ser "paulatino", afrontando primeiro a Xunta o custo de estudo e expropiación e comprometéndose daquela o Concello e o goberno provincial en proseguir coa proposta de reformular o recinto.
Relacionadas:
-
Abolicionistas piden que o goberno local adquira a Praza de Touros para convertila nun espazo multiusos
Por Redacción |
-
En Marea pide explicacións polo apoio presencial do vicepresidente da Xunta á festa taurina de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A praza de touros abre as súas portas para un espectáculo de cabalos con fin benéfico
Por Marisa Ciordia |