'O Mulo', condenado a once anos de prisión por un alixo de 1.245 quilos de cocaína incautado en alta mar
Por Redacción
O narcotraficante arousán Rafael Bugallo Piñeiro, coñecido como 'O Mulo', suma unha nova condena ao seu historial. A Audiencia de Pontevedra impúxolle once anos de prisión pola súa relación co alixo de 1.245 quilos de cocaína incautados en xaneiro de 2015 a bordo da pesqueiro 'Coral I', apresado no medio do Atlántico.
A sentenza foi adiantada polo xornalista Víctor Méndez en Diario de Pontevedra.
Xunto coa pena de cárcere, que se corresponde con nove anos e medio por un delito de narcotráfico e un ano e medio máis por tenencia ilícita de armas, 'O Mulo' terá que abonar unha multa de 278 millóns de euros.
Oito anos de prisión deberá cumprir Jaime Iván Bolados Geraldo, veciño de Pontevedra e alcumado o 'chileno', a quen a Fiscalía consideraba a súa man dereita, do mesmo xeito que outros tres colaboradores. Todos eles terán que abonar tamén 278 millóns de multa.
Outras dúas persoas foron condenadas a catro e seis anos de prisión, mentres que os nove tripulantes que foron detidos en alta mar a bordo do barco, enviado desde Sudamérica coa cocaína, pasarán sete anos e medio entre reixas.
A pesar de que na vista oral, 'O Mulo' negou ter relación con este alixo, o tribunal considera probado que el e outros membros da rede construíron unha lancha rápida que modificaron para asemellala a un barco pesqueiro e que pasase desapercibida para as autoridades dedicadas á loita contra o narcotráfico.
A partir de aí, intensificaron os contactos cun grupo colombiano para trasladar a droga a Galicia e cos colaboradores necesarios para levar a carga desde o pesqueiro ata terra firme. A operación, controlada desde a comarca de Arousa, frustrouse polas vixilancias policiais e a posterior intervención en alta mar.
A Audiencia absolve, con todo, a 'O Mulo' do delito de pertenza a organización criminal, ao entender que non quedou acreditado que este grupo tivese carácter indefinido para dedicarse a esta actividade nin que neles houbese unha clara repartición de funcións.
Relacionadas:
-
'O Mulo', condenado a once anos de prisión por un alixo de 1.245 quilos de cocaína incautado en alta mar
Por Redacción |
-
O fiscal antidroga mantén as penas contra a rede de 'O Mulo' por un alixo de 1.245 quilos de coca
Por Natalia Puga |
-
O Mulo empregaba perrucas, bigotes postizos, cristais tinguidos e monos de traballo para despistar á Garda Civil
Por Redacción |