Unha procesadora de mariscos creará unha trintena de empregos no polígono de Barro
Por Redacción
O polígono de Barro contará moi pronto cunha nova empresa. Trátase de Mariscos Alumar, unha compañía que procesará produtos do mar, especialmente marisco. Os seus responsables avanzan que crearán unha trintena de postos de traballo. A previsión é que estean operativos a finais da primavera de 2019.
A fábrica ocupará unha parcela de 1.800 metros cadrados, mercada por un prezo de 182.000 euros. O proxecto aprobado polo Concello recolle a edificación de 1.300 metros cadrados, dos cales 200 metros serán destinados a oficinas.
Investiranse 1,5 millóns de euros para desenvolver este proxecto empresarial, que conta co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Terá dúas plantas, cámaras de frío e conxelado, caldeira de vapor, así como maquinaria de última tecnoloxía para a transformación e elaboración dos produtos, entre outras actuacións.
A responsable de marketing de Mariscos Alumar, Emilie Lasbezeilles, reuniuse este mércores co alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, para transmitirlle que a compañía está liderada por un grupo de emprendedores con experiencia en produción, transformación e distribución de produtos do mar, destinada a aportar un valor engadido aos produtos locais.
Este grupo que conta con máis de 20 anos de experiencia, tanto na produción como na comercialización, pensou na futura fábrica de Barro para "facer algo diferente" e intentar introducirse no mercado europeo.
O alcalde, pola súa banda, transmitiulle o agradecemento do goberno municipal por ter escollido o polígono industrial de Barro para situar o seu proxecto empresarial.