Anova rescata a proposta de demolición do encoro do Umia
Por Redacción
O grupo comarcal de Anova en Umia recupera a proposta de demoler o encoro da Baxe, entre os concellos de Caldas, Cuntis e Moraña.
A agrupación política rexistrou este mércores unha iniciativa pola demolición do encoro nos rexistros municipais das tres localidades afectadas. No escrito diríxense aos grupos municipais solicitándolles que asuman o que consideran "un posicionamento maioritario entre as xentes da comarca" á vista de que "se achega un verán máis sen solucións á contaminación".
Anova ten tres peticións básicas: que se deixen de malgastar fondos públicos "a sabendas de que a situación raia a malversación", que se priorice a saúde pública e a tranquilidade dos veciños da conca que bebe do Umia e que se lle esixa á Xunta que rectifique, que rescate a concesión e que inicie os trámites para proceder á única solución definitiva que é a demolición do encoro.
O escrito presentado por rexistro é a continuación da acción institucional iniciada no Parlamento de Galicia por medio do grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e baseáse en que cumpridos doce anos do peche das comportas da presa, a día de hoxe "o que temos é unha situación de podremia instalada na auga encorada".
Xustifican esta iniciativa no "fracaso evidenciado" do Plan Umia posto en marcha pola Xunta de Galicia e no "continuo malgasto" de fondos públicos que considera que levan feito as distintas administracións. Ademais, consideran que "non podemos ignorar, e así o teñen que ter presente os nosos representantes políticos, que estamos ante un problema de saúde pública".