O xuízo por branqueo de capitais contra Sito Miñanco retomarase o 25 de outubro na Audiencia
Por Natalia Puga
O xuízo contra José Ramon Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco, por branqueo de capitais que se aprazou o pasado 1 de marzo na Audiencia Provincial de Pontevedra xa ten data. Retomarase o xoves 25 de outubro.
Fontes xudiciais confirmaron que a Sección Segunda da Audiencia reservou tres días para a vista oral, o xoves 25 de outubro e dous días da semana seguinte: o luns 29 e o martes 30.
O xuízo tivo que suspenderse para poder resolver as recusacións que pedían o coñecido narcotraficante e a súa filla respecto de dous maxistrados da Sección Segunda, pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidiu desestimar as peticións, de modo que a vista oral retomarase en outubro e xulgaraa o mesmo tribunal que se constituíu no principio do ano.
A recusación pedírona os avogados de Sito Miñanco e da súa filla, Rosa María Prado Pouso, tamén acusada nesta causa. En total, neste xuízo que prevía empezarse o 27 de febreiro e finalmente quedou aprazado o 1 de marzo hai cinco acusados: eles dous, a primeira esposa de Sito, a súa cuñada e un empresario que nunha época foi persoa da súa máxima confianza e presunto home de palla.
Os recursos pedían que os maxistrados Xosé Xoán Barreiro Prado e Rosario Cimadevila Cea, dous dos tres que compoñían o tribunal que empezou a xulgar o caso, fosen recusados porque o 27 de xullo de 2011 adoptaron decisións relacionadas coa instrución desta causa, o que motivaba, ao seu xuízo, que se viron contaminados por un coñecemento previo dos feitos e non se podía garantir a súa imparcialidade.
A esas dúas recusacións iniciais adheríronse os outros tres acusados e eses recursos chegaron ao TSXG, que finalmente as desestimou alegando que "non foron formuladas temporalmente" e que a falta de imparcialidade que os acusados atribuían aos maxistrados non está probada.
Un dos argumentos da recusación baseábase na suposta inimizade dos maxistrados cara aos acusados. Respecto diso, o acusado sostén que "nada concreto admisible árgüese e nada consta fóra da debida actividade xurisdicional dos maxistrados recusados". Os dous xuíces, ademais, negan rotundamente tal circunstancia.
O fiscal, Jesús Calles, solicita para Sito Miñanco seis anos de prisión e unha multa de 10 millóns de euros por supostamente branquear esa cantidade de diñeiro entre 1988 e 2007 a través da inmobiliaria San Saturnino mediante a adquisición de bens inmobles en diferentes concellos da provincia, entre eles Pontevedra, Cambados ou Sanxenxo.
Relacionadas:
-
Sito Miñanco deféndese da acusación de branqueo: "A partir do ano 91 eu estaba preso"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Unha Interviú de 1983, documentos belgas e unha causa arquivada, eixos da nova estratexia xudicial de Sito Miñanco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco, "tranquilo" á súa chegada á Audiencia onde será xulgado por branqueo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Sito Miñanco chega ao cárcere da Lama unha semana antes de ser xulgado por branqueo na Audiencia
Por Natalia Puga |
-
O TSXG rexeita as recusacións de Sito Miñanco e a súa filla contra dous maxistrados da Audiencia
Por Natalia Puga |
-
Sito Miñanco deixa A Lama e trasládano á prisión de Alcalá Meco
Por Natalia Puga |
-
Xuízo contra Sito Miñanco: cando avogado e acusado rivalizan en flashes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Suspenden o xuízo contra Sito Miñanco para estudar a posible recusación do tribunal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Un xuízo baixo a sombra de dúas folgas: unha xudicial e outra de fame
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |