Unha semana para reabrir a pasarela de madeira sobre o Verdugo
Por Redacción
A pasarela de madeira sobre o Río Verdugo en Ponte Caldelas, que une a contorna da Alameda coa chaira de Chan da Barcia, reabrirá a próxima semana, segundo confirmou o Concello.
O bo tempo acelerou os prazos previstos para os traballos de mantemento aos que foi sometido a estrutura.
As obras, cun orzamento de 47.591 euros, son as primeiras que se realizan desde a construción desta ponte no ano 2008 para a súa conservación.
Unha vez finalizada esta reparación, o goberno municipal ten previsto realizar unha revisión e mantemento periódica cada dous anos, coa idea de mantela en boas condicións sen necesidade de acometer novamente grandes obras.
En concreto nesta actuación realizouse un lixado completo eliminando sucidade, adherencias e o verniz levantado. Substituíuse completamente o pasamáns superior para deixalo equilibrado. Tamén foron repostas as pezas do rodapé e as táboas do piso deterioradas. A continuación aplicouse á madeira un tratamento preventivo contra fungos e insectos. O paso final foi un verniz especial para exteriores resistente ao sol e á humidade.
O Concello asegúrase así que a ponte estea en servizo a tempo para os actos que se van a celebrar en Ponte Caldelas durante este mes de agosto, como o XantaCaldelas ou as Festas das Dores.