O Concello afronta o mantemento da pasarela de madeira do Verdugo
Por Redacción
A pasarela de madeira de Ponte Caldelas, que une a contorna da Alameda coa explanada de Chan da Barcia, será completamente restaurada polo Concello. As obras, que terán unha duración máxima de dous meses, comezarán nos próximos días coa instalación dun camión guindastre e dunha plataforma elevadora con brazo articulado.
As obras, cun orzamento de 47.591 euros, son as primeiras que se realizan dende a construción desta ponte no ano 2008 para a súa conservación. Os dez anos transcorridos, especialmente os primeiros, sen ningún tipo de mantemento, fixeron que a humidade do río Verdugo deteriorase unha estrutura que, pola súas características e situación, precisaba dun coidado periódico.
O proxecto contempla a limpeza superficial a man de toda a pasarela, eliminando sucidade, adherencias e o verniz levantado. Está prevista a substitución completa de todo o pasamáns superior, que se atopa en pésimas condicións.
Tamén serán eliminados todos os elementos nos que se aprecie deterioro. As fendas serán tratadas con resinas especiais. Unha vez limpa, a pasarela será obxecto dun tratamento preventivo contra fungos e insectos xilófagos. Tamén quedarán protexidos contra os efectos do sol e da auga.
Son obras laboriosas, que deben realizarse a man e analizando case peza por peza, polo que dende o Concello piden paciencia durante a realización duns traballos que non podían agardar máis diante do abandono que sufriu esta ponte despois da súa inauguración.