Cada día denúnciase a 15 condutores en Pontevedra por conducir ebrios e tres rematan no xulgado
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Tráfico denunciou a unha media de 15 persoas o día en 2012 nas estradas de Pontevedra por conducir baixo os efectos do alcohol e a tres delas imputounas como autores dun delito contra a seguridade vial.
Os datos facilitounos este xoves o capitán do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, Leovigildo Villares Yáñez, tras participar na Comisión Provincial de Seguridade Vial xunto ao subdelegado do Goberno, Antonio Coello, e o xefe provincial de Tráfico, María Victoria Gómez Dobarro.
Segundo as cifras achegadas, durante o ano 2012 presentáronse 64.673 denuncias, un número lixeiramente superior ao do ano anterior e no que a causa principal de sanción foi o exceso de velocidade. Un total de 35.742 condutores foron sancionados por circular a unha velocidade elevada ou inapropiada.
Por condución baixo os efectos do alcohol as sancións impostas foron 5.532, 15 ao día, cifra que supón un "lixeiro repunte" con respecto ao ano 2011, e por conducir tras inxerir drogas as denuncias foron 220, se ben neste punto non existe dato comparativo posible con respecto a anos anteriores, pois foi o primeiro ano en contabilizarse.
En relación co consumo de drogas ao volante, o capitán de Tráfico indicou que o 65,8% dos condutores sometidos ao narcotest deron positivo e que a droga que máis se detectou foi a cocaína, que acapara o 47% das denuncias. O 40% dos sancionados consumiran opiacios e o 20%, cannabis.
Circular sen cinturón derivou en 5.437 denuncias; non usar sistemas de retención infantil, 213; e facelo sen casco, 120. A estas denuncias sumaríanse 3.455 contra condutores que falaban polo teléfono móbil mentres conducian sen utilizar dispositivos de mans libres, un 12% máis que no ano anteriores.
En canto ás actitudes ao volante constitutivas dun delito segundo o novo Código Penal, a Garda Civil de Tráfico imputou en 2012 1.507 persoas, 924 por consumir cunha taxa de alcoholemia superior a 0,60 miligramos por litro de aire expirado (tres por día). Ao respecto, cabe salientar que entre o 45 e 50% das persoas falecidas ao volante o ano pasado deron positivo en consumo de alcohol.
O balance de tráfico realizado por Maria Victoria Gómez revela que nos díez últimos anos se produciu un descenso acusado da sinistralidade na provincia, pasando de 85 falecidos nas estradas en 2003 a 35 o ano pasado, a cifra mais baixa en Pontevedra dende que existen cifras rexistradas.
O xefe de Tráfico mostrou a súa preocupación pola cifra de atropelos mortais, pois pasaron de 4 en 2011 a 6 no último ano. Esta preocupación esténdese a toda Galicia e, segundo anunciou Antonio Coello, levou á Delegación do Goberno a deseñar unha campaña de concienciación que se aplicará a partir do próximo outono en colaboración coa Xunta de Galicia, Protección Civil, a Garda Civil ou as policías locais que implicará a repartición de 20.000 chalecos reflectantes, pois a maioría das vítimas son persoas de idade elevada que circulan por vías secundarias, en horario nocturno e sen chaleco.