Máis da metade dos condutores que conducen drogados dan positivo en cannabis
Por Natalia Puga
Un total de 37 condutores foron denunciados pola Policía Local de Pontevedra durante o ano 2013 logo de dar positivo no control de consumo de drogas ao volante, o coñecido como narcotest. Deles, dez deron positivo por teren inxerido máis dunha substancia estupefaciente e atoparse baixo o efecto das mesmas cando conducían.
A memoria anual de actividade da Policía Local recolle que os axentes realizaron un total de 55 probas de drogas o ano pasado, unha a un condutor que acababa de verse implicado nun accidente. As 37 que deron positivas supoñen o 67,3 por cento do total.
Este porcentaxe tan elevada de positivos non se pode extrapolar ao xeral dos condutores que circulan por Pontevedra, pois o protocolo aprobado pola Policía Local hai tres anos establece que as probas para a detección de drogas tóxicas, estupefacientes e substancias psicotrópicas en condutores de vehículos a motor ou ciclomotores se realizan só naqueles casos nos que, sometido o condutor á proba de alcoholemia esta dese un resultado negativo e se lle observasen síntomas que fixesen presumir o consumo de tales sustancias.
Á vista desta circunstancia, a porcentaxe de positivos é moi alta cada ano. En 2012 o total das probas realizadas foron 28, das que deron positivo 17, o 60.71 por cento.
Das 55 probas realizadas, detectáronse positivos en 52 substancias. En seis ocasiones, o condutor deu positivo en dúas substancias e en catro ocasións, en máis de dous tipos de drogas. Ao igual que ocorrera en 2012, a máis habitual foi o cannabis, que se detectou en 28 ocasións, máis da metade; seguido da cocaína (9), os opiáceos (8), as benzodiacepinas (3), as anfetaminas (2) e as metanfetaminas (2).
A totalidade dos condutores que deron positivo en consumo de drogas foron varóns mentres que no caso dos controis de alcoholemia os homes tamén supoñen unha amplia maioría, pero non o 100%.
Os axentes detectaron 319 condutores conducindo baixo os efectos do alcohol, 107 remataron no xulgado
Ao longo do ano pasado, entre controis estáticos e dinámicos, os axentes municipais denunciaron a 319 condutores por conducir baixo os efectos do alcohol, dos cales a maioría, 212, foron denunciados por vía administrativa. Os 107 restantes foron obxecto dunha dilixencia xudicial porque o resultado que deron na proba ou as circunstancias nas que foron sosprendidos eran constitutivas dalgún tipo de delito contra a seguridade viaria. A maioría foron detectados en horario nocturno e en fins de semana o vésperas de festivos.
A Policía Local realizou 147 controis de alcoholemia estáticos nos que se someteron á proba a unha media de 53 condutores en cada un. En total efectuáronse 7.710 probas e deron positivo 143, isto é o 1,85 por cento do total. Delas, 109 tramitáronse como unha denuncia administrativa e 34 acabaron no xulgado.
A porcentaxe de positivos descendeu con respecto a 2012, cando estaban baixo o efecto do alcohol 181 dos 5.501 condutores controlados, isto é o 3,30 por cento. En 2013 realizáronse un 15 por cento máis de controis e un 40 por cento máis de probas que no ano e, pese a haber unha maior cantidade de persoas controladas, reduciuse 1,45 décimas a porcentaxe de postivos.
Ademais, os axentes realizaron controis dinámicos a condutores que foron detectados conducindo con síntomas de atoparse baixo o efecto dalguna substancia. Neste tipo de vixilancias detectáronse 176 positivos, dos cales 103 saldáronse cunha denuncia administrativa e 73 remataron no xulgado. En 20 accidentes de circulación un dos condutores deu positivo.