O "gurú" televisivo José Manuel Lorenzo abre os actos do 40 aniversario de AEMPE
Por Redacción
Un dos personaxes máis importantes na dirección de contidos televisivos en España foi o encargado de abrir os actos do 40 aniversario da Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa de Pontevedra (AEMPE) nun coñecido hotel da cidade.
José Manuel Lorenzo Torres está considerado como un dos grandes "gurús" da pequena pantalla tras ser director xeneral comercial de RTVE, director xeral de Publiespaña, de Antena 3, onde promoveu a ficción española, e director xeral de Canal +. Na actualidade, o directivo pontevedrés exerce como presidente do produtora Boomerang.
Lorenzo foi o protagonista do primeiro Afterworks dentro do ciclo que AEMPE vai desenvolver durante o segundo semestre deste ano. Esta proposta busca que os asociados charlen e coñezan a empresarios que sexan referencia nos seus sectores. A actividade intégrase nas iniciativas do Club AEMPE con motivo das catro décadas de existencia do colectivo empresarial.
O encontro tamén serviu para que os socios falasen cara a cara combinando o traballo cunha actividade na que puideron adquirir coñecementos. O Club AEMPE convida tamén a todas aquelas empresas interesadas en presentar o seu negocio para participar destes actos co obxectivo de potenciar as súas propostas e a súa traxectoria.
PRESENTACIÓN DE ACTOS Á ALCALDESA DE MARÍN
Ademais, a directiva da asociación mantiña un encontro durante a mañá deste xoves coa alcaldesa de Marín, María Ramallo e o presidente da Autoridade Portuaria marinense, José Benito Suárez Costa.
Nesta reunión, os representantes de AEMPE presentaron as diferentes actividades que se desenvolverán ao longo do ano con motivo da celebración do 40 aniversario.