Os afterworks do Club Aempe substitúen á caña de sempre no bar da esquina
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Dentro das actividades programadas pola Asociación de empresarios da pequena e mediana empresa (Aempe) con motivo do seu 40 aniversario destaca o "Afterwork".
Segundo explicou este martes o seu presidente José María Corujo, trátase de crear un lugar común entre os asociados de Aempe ao final da xornada laboral para charlar e favorecer as relacións de confianza. Falar cara a cara combinando lecer e traballo.
É o Club Aempe, unha nova maneira de sociabilizarse e que ao mesmo tempo fortalece as relacións entre empresarios, para que se coñezan dunha forma distendida, lonxe das comidas de negocios e os fríos despachos.
A tendencia que substitúe á caña de toda a vida no bar da esquina, foi importada dos países anglosaxóns.
O evento desenvolverase nun local apropiado para o acto nun espazo independente e aberto só aos participantes do Club Aempe. A duración do encontro será "O que dure un xamón", ou varios, en función ao número de asistentes.
Silvia Crespo, responsable de comunicación de Aempe, explicou que en cada encontro haberá un invitado especial que desenvolverá a súa intervención nun tempo aproximado de 20 minutos. Ademais haberá unha empresa local invitada que presentará o seu equipo, traxectoria ou unha actuación específica. Concluídas as dúas intervencións comezará o "networking" entre os participantes.
Os hábitos de consumo da nosa cidade con horarios cada vez máis acordes aos de Europa fan que os "Afterworks" de Club Aempe se inícien a partir das 19.30 horas.
O primeiro "Afterwork" será o xoves 28 de xuño no Hotel Galicia Palace e terá como convidado a José Manuel Lorenzo Torres, un empresario cunha dilatada traxectoria no mundo do espectáculo.