Deputación destina 2,2 millóns a cofinanciar servizos sociais nos concellos
Por Redacción
Ata 52 concellos da provincia serán os beneficiarios dos 2,2 millóns de euros que a Deputación de Pontevedra destinará para cofinanciar os servizos sociais en municipios de menos de 20.000 habitantes.
"É con este goberno da Deputación co que achegamos o maior orzamento destinado nunca aos servizos sociais comunitarios na provincia, e grazas a isto, os concellos poden ter a estrutura suficiente para atender de xeito adecuado os servizos sociais comunitarios", destacou a presidenta Carmela Silva.
Os cartos servirán, por unha banda, para financiar o servizo de axuda no fogar básico, e pola outra, para contratar persoal técnico para os equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios.
A través de este programa, apóiase a contratación de persoal para o servizo de educación e apoio familiar dos concellos que ata agora non contaban con este servizo básico, entre eles Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Moraña.
Ao ámbito de Pontevedra destinaranse 433.189,60 euros, que se repartirán entre Barro (31.591,27), Caldas (50.907), Campo Lameiro (23.275,79), Cuntis (37.469), A Lama (29.786,64), Moraña (23.577), Poio (89.618,33), Ponte Caldelas (40.917), Portas (29.806,5), Cerdedo-Cotobade (55.482,57) e Vilaboa (20.866,5).
Bueu recibirá 51.786 euros e, no Salnés, repartiranse 457.968,76 euros entre Cambados (46.623,50), O Grove (50.189,79), A Illa de Arousa (21.014,50), Meaño (55.042), Meis (31.224,86), Ribadumia (29.296,63), Sanxenxo (62.202) ou Vilanova de Arousa (82.939,48).