O Concello pide "tranquilidade" ante unha ordenanza de mobilidade que está "en fase de borrador"
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O goberno municipal pediu hoxe "tranquilidade" ante as críticas recibidas nas últimas horas pola tramitación da nova ordenanza de mobilidade, especialmente pola intención de limitar a 5 quilómetros por hora a velocidade de bicicletas e patíns en zonas peonís.
Raimundo González, portavoz do executivo local, lembrou que a ordenanza se atopa "en fase de borrador" e non se trata dun documento definitivo. Á fronte deste traballo, lembrou, atópase un experto de "recoñecido prestixio" como Francisco Nebot.
"Admitiranse todas as suxestións posibles", destacou o edil do BNG, que engadiu que unha vez estea terminado este borrador de ordenanza abrirase unha "ampla" rolda de contactos, tanto coa oposición como con colectivos sociais.
Antes de aprobarse, garantiu González, buscarase o máximo consenso posible.
Mentres tanto "hai que deixar traballar aos que están traballando", concluíu.
O PSOE PIDE REUNIR A MESA POLA BICICLETA
A este respecto, o grupo municipal do PSdeG-PSOE reclama a convocatoria, con carácter urxente, da mesa local pola bicicleta. Entender que a proposta do Concello é un "golpe mortal" ao uso deste medio de transporte na cidade.
O edil Iván Puentes ve nesta medida un "ataque sen precedentes" á mobilidade sostible de Pontevedra e un novo "desprezo" aos usuarios da bicicleta. No canto de "ocorrencias paliolíticas", os socialistas piden ao goberno que dialogue cos veciños.
Os socialistas reclaman que se regule o tránsito de bicicletas para, por unha banda, fomentar o seu uso como medio de transporte sostible e, por outra, para minimizar as situacións de conflito entre peóns e ciclistas e entre estes e condutores de automóbiles, "que é evidente que se producen", fundamentalmente en determinadas zonas da cidade.
"Se seguen instalados na arrogancia e no despotismo con nós que non conten para eliminar as bicis da cidade", sinalou Puentes, que pide que Pontevedra "se mire no espello" de cidades como Vitoria ou Málaga.
Relacionadas:
-
O estudo encargado polo Concello propón 'zona 10' para coches e bicis en rúas de plataforma única
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello confía en ter un borrador da ordenanza de mobilidade en setembro
Por Redacción |
-
O Concello pide colaboración cidadá para deseñar a nova ordenanza de mobilidade
Por Alejandro Espiño |
-
Pedaladas relaxa as súas protestas contra a "ordenanza do despacito"
Por Oskar Viéitez |
-
Pedaladas contesta a Mosquera: "a medida de reducir a 5 km/h a velocidade das bicicletas mataría o seu uso na cidade"
Por Redacción |
-
Pontevedra limitará a 5 km/h a velocidade das bicicletas e skates por zonas peonís
Por Redacción |