Tráfico destaca un descenso na sinistralidade máis grave nas vías interurbanas da provincia
Por Redacción
Os datos achegados pola Dirección Xeral de Tráfico apuntan a un descenso da sinistralidade máis grave nas vías interurbanas da provincia. En 2017 producíronse 20 falecidos en sinistros de tráfico, sete menos que o ano anterior, alcanzando un mínimo histórico. Este cómputo faise nas 24 horas posteriores ao accidente.
Na provincia, as cifras de vítimas de mortais, a partir do ano 1998, no que se alcanzaron os 206 falecidos, foron descendendo, progresivamente, cunha redución acusada en 2013, que marcou a tendencia deste últimos cinco anos nos que a taxa de mortalidade situouse sempre por baixo da estatal. Do total de vítimas mortais, o 90% produciuse en vías convencionais. Así mesmo produciuse un descenso do 25% de feridos hospitalizados.
En canto ao tipo de accidente, en 2017, o máis frecuente foi a saída de vía e a colisión frontolateral, que ocasionaron o 30% e o 24% do total dos 1.760 sinistros con vítimas.
Polo que respecta ao tipo de vehículo, o máis significativo é o acusado descenso, en vía interurbana, dos falecidos e feridos hospitalizados que viaxaban en turismos e furgonetas. O número de vítimas mortais reduciuse a 6 fronte os 11 de 2016 e os feridos hospitalizados diminuíron nun 38%.
Na estatística da DXT destaca a evolución dos accidentes mortais nos que se viron implicadas motocicletas. O número de falecidos, en vías interurbanas, ascendeu a 10, significando o 50% das vítimas mortais rexistradas en 2017. Á vista destas cifras, o pasado exercicio levou a cabo unha campaña específica de control de motocicletas, orientadas á concienciación e ao reforzo da vixilancia nas vías preferentemente utilizadas polos motoristas, en particular as fins de semana, que terá continuidade este ano.
A maioría dos falecidos eran homes de entre 35 e 44 anos
Por outra banda, a maioría das vítimas mortais na estrada pertence ao sexo masculino e a franxa de idade sitúase entre os 35 e os 44 anos.
A distracción aparece como primeiro factor concorrente nos accidentes con vítimas en vías interurbanas, seguida da velocidade excesiva ou inadecuada e, en terceiro lugar, como causa desencadenamento dos sinistros figura o non respectar a prioridade de paso.
Así mesmo, constatouse que dous dos sete usuarios de turismos e furgonetas que resultaron falecidos no pasado exercicio non facían uso do cinto de seguridade, por iso para insistir na importancia do uso deste sistema de seguridade púxose en marcha unha campaña a nivel autonómico, que se prolongará ata o 18 de maio.
EDUCACIÓN VIARIA
Na reunión deste mércores informouse da creación dunha Subcomisión Provincial de Tráfico de Educación Viaria. Este órgano nace co obxectivo de fomentar a colaboración entre todas as administracións e diferentes organizacións públicas e privadas co fin de crear un foro onde analizar, debater e deseñar accións que permitan incrementar a difusión de actividades e contidos de educación viaria na provincia pontevedresa.