A Festa das Manciñas de Porco súmase aos eventos gastronómicos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A parroquia de Augasantas acollerá o próximo sábado 30 de xullo a primeira edición da Festa das Manciñas de Porco, un evento co que este lugar incorpórase ao calendario de festas gastronómicas, con esta un total de oito, que se celebran en Cerdedo-Cotobade.
A presentación, que tivo lugar na Casa do Pobo, contou coa presenza do presidente municipal, Jorge Cubela; da asociación veciñal co seu presidente, Lino Morales, ao fronte; do coñecido xornalista gastronómico Guillermo Campos; e de representantes da comunidade de montes e da comisión de festas desta parroquia cotobadesa.
O programa festivo de exaltación das manciñas de porco arrancará coa inauguración da remodelada Casa do Pobo de Augasantas, na que o Concello investiu máis de 60.000 euros, e posteriormente haberá un xantar popular para 200 persoas no seu interior.
Esta comida, con menú de empanada, manciñas estofadas e sobremesa preparada polas mulleres do colectivo veciñal, estará animada pola música do mariachi Baltasar.
A organización vai abrir a finais de maio un prazo de inscrición inicial para os membros da asociación veciñal e, posteriormente, concederase a oportunidade de asistencia a calquera persoa interesada ata completar o aforo. O menú terá un prezo asequible aínda por concretar.
O presidente da asociación, Lino Morales, explicou que esta exaltación gastronómica "xurdiu ante a existencia de moitas festas culinarias noutras parroquias do noso municipio e en moitos concellos da nosa contorna e o interese de que Augasantas contara cunha propia para dinamizar aínda máis a parroquia".
Ademais, explicou que se trata dunha "cita única en Galicia", que só existe a nivel particular en restaurantes de Vigo e O Grove, e amosouse confiado en que sexa un éxito e se vaia ampliando en vindeiras edicións, a seguinte xa fixada para a segunda fin de semana de xullo de 2019.
Pola súa banda, Cubela agradeceu aos veciños de Augasantas "a súa constante inquedanza e traballo por facer cousas para darlle vida a esta parroquia" e destacou a súa capacidade de traballo para desenvolver actividades durante todo o ano.