Maria Troncoso Abalo é a nova directora do centro asociado da UNED de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta Reitora do Consorcio Universitario Centro Asociado á UNED en Pontevedra elixiu este venres a María Troncoso Abalo como nova directora en funcións tras unha xuntanza extraordinaria na que a decisión tomouse por unanimidade.
O máximo órgano de goberno do centro acordou que Troncoso Abalo, ata agora secretaria, desempeñe o cargo para o que será nomeada oficialmente nos próximos días, en cumprimento da normativa, polo reitor da UNED, Alejandro Tiana Ferrer.
A xunta reitora reuniuse de maneira extraordinaria para elixir o novo director da entidade despois de que o pasado 12 de marzo Beatriz Rodríguez López, que ocupaba o cargo desde 2009 cesase, a petición propia.
Á reunión, que tiña como único punto da orde do día a elección da nova dirección do centro asociado en Pontevedra, asistiron a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; o vicerreitor de Centros Asociados e Relacións Institucionais da UNED, Tomás Fernández; a representante de titores, Milagros Lores; o representante do PAS, Rafael Cotelo; e a delegada de alumnos, Marisol Fernández.
María Troncoso Abalo, vinculada ao centro asociado de Pontevedra desde os seus inicios como profesora-titora en outubro de 2010, é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Dereitos Humanos pola UNED.
Nos últimos anos, compaxinou o exercicio da actividade profesional como avogada coa actividade docente e substituirá no cargo a Beatriz Rodríguez, a quen se lle fixo un recoñecemento polo seu traballo nos últimos anos.
A xunta reitora tamén subliñou a aposta pola elección dunha "muller xoven, preparada e que vai xerar os consensos necesarios para sumar vontades na mesma dirección, no camiño para que a UNED siga a ser en Pontevedra unha ferramenta esencial para achegar o coñecemento a todas e a todos".