Tres propostas de cursos de verán na UNED de Pontevedra
Por Redacción
A UNED abriu a matrícula dos seus cursos de verán que terán lugar na súa sede de Pontevedra, na aula UNED de Portas e no Centro Penal da Lama.
A socioloxía, as humanidades e a psicoloxía centrarán a oferta estival do centro empezando polo curso que se celebrará no penal do 27 ao 29 de xuño. Trátase dunha iniciativa que permitirá a estudantes externos acceder ao cárcere en horario lectivo e convivir e compartir coñecemento e experiencias cos internos. "O lado escuro do comportamento. Como a ciencia aprende dos erros humanos" é o nome elixido para esta proposta dirixida a titulados e estudantes de psicoloxía, pedagoxía, educación social, traballo social, medicina, enfermería e fisioterapia, así como a persoas interesadas nesta temática.
A segunda proposta formativa deste verán terá lugar na aula Universitaria de Portas do 18 ao 20 de xullo. Baixo o título "O mundo literario de Julio Camba" búscase un achegamento á obra do escritor e xornalista arousán.
Por último, o centro formativo da UNED en Monte Porreiro acollerá "Migracións no século XXI: unha visión socioeconómica internacional", entre os días 18 e 20 de xullo, unha proposta orientada a calquera persoa interesada no fenómeno migratorio.
A matrícula destes cursos xa pode formalizarse a través da páxina web da UNED.