O tornado causa diversos danos ao seu paso por Cambados
Por Redacción
Durante as últimas horas deste venres rexistrábase un tornado na contorna do Salnés e Poio, que afectou especialmente á zona de Cambados. O forte vento causaba danos en diferentes puntos do municipio.
Efectivos de Emerxencias Cambados e axentes da Policía Local tiveron que acudir ata a zona da Xesteira en Castrelo debido ao levantamento de cubertas e de tellas en diferentes vivendas e naves.
O forte vento tamén provocou a caída de cableado, ademais de diferentes estruturas de madeira e de bloques. Non se rexistraron danos persoais, segundo indican desde o servizo de Emerxencias do 112 e de Protección Civil de Cambados.