O Concello de Poio rexeita as acusacións de "compadreo" coa concesionaria do servizo do lixo
Por Oskar Viéitez
Os concelleiros de Facenda e Urbanismo, Xulio Barreiro e Gregorio Agís, rexeitaron as acusacións do PP sobre o suposto "compadreo" existente entre Concello de Poio e a empresa Valoriza, concesionaria actual do servizo de recollida de lixos no municipio.
Nunha rolda de prensa celebrada este xoves no Casal de Ferreirós estes edís desvelaron que o Concello multou á empresa de limpeza por incumprir os prazos para implantar o servizo, polo que Valoriza tivo que pagar 53.000 euros despois de que un tribunal ratificase a falta.
Tamén lembraron que Valoriza goza da concesión do servizo grazas á sentenza dun tribunal que modificou o resultado do concurso público que gañara a firma Ascan.
Dito isto, Barreiro e Agís informaron que o Goberno local aceptará pagar 60.000 euros pola instalación de 182 colectores que se solicitaron a maiores en base a unha serie de circunstancias como a dispersión ou a distancia coas casas, entre outros argumentos.
Respecto doutras denuncias do Partido Popular como a presenza de maquinaria exclusiva do Concello de Poio noutras localidades, os concelleiros restaron importancia a ese feito e sinalaron que "o importante é que se preste servizo e iso estano facendo" e valoraron a capacidade desta empresa para repoñer maquinaria deteriorada sen incrementar o custo para as arcas municipais.
Finalmente, o Goberno Local valorou que o servizo de lixos no municipio de Poio está a prestarse "ben, aínda que todo é mellorable", como a recollida selectiva. Lembraron que hai que ter presente que se trata dun servizo deficitario para o concello a pesar de que o recibo que pagan os veciños é caro.
Concretamente, dos 122 euros que custa o servizo, 74 euros son para pagar a Sogama. O déficit que se xera é 40.000 euros que se non os asumise o Concello incrementarían o recibo a 174 euros por vivenda.