Agárdanse retencións de tráfico con motivo do desprendemento de rochas na avenida de Montecelo
Por Redacción
Este mércores comezaron os traballos para asegurar o noiro, con risco de desprendemento de rochas, na avenida de Montecelo. Estas obras obrigan a cortar un carril e utilízase un semáforo para o control da circulación.
Demetrio Gómez, concelleiro de Obras, alertaba de que se producirán pequenas retencións no cruzamento coa estrada de Ponte Caldelas. Por este motivo, desde o Concello de Pontevedra recomendan a utilización de accesos alternativos a unha zona de intensa circulación de tráfico.
Estas obras de carácter urxente está previsto que duren ao redor de tres semanas. A reparación supoñerá a retirada de material que poida desprenderse, a limpeza das beirarrúas e a escavación nas partes nas que se poida levar a cabo para retraer o noiro. Empregarase unha rede para evitar desprendementos sobre a calzada.