O sexaxenario desaparecido en Mourente, localizado sen vida
Por Natalia Puga
A alerta por desaparición que permanecía activa desde o mediodía do domingo 18 de marzo relativa ao veciño de Mourente Salvador Otero Somoza foi desactivada. O corpo do pontevedrés foi localizado sen vida. A falta da confirmación definitiva do informe final da autopsia, diversas fontes confirmaron que se trata do cadáver atopado sobre as 12.20 horas deste martes na praia de Areas.
A alerta tramitábaa a plataforma SOS Desaparecidos, que na tarde deste martes xa emitiu unha nova comunicación desactivándoa e indicando o achado do cadáver de Salvador Otero. Ademais, fontes policiais e fontes próximas á familia confirmaron que os máis achegados puideron identificalo no Hospital Provincial de Pontevedra.
Suspendeuse o operativo de procura que tiña en marcha Protección Civil de Pontevedra e que durante as xornadas deste luns e este martes rastrexou diversas zonas de Mourente e A Seca. Tamén a Policía Nacional realizou durante toda a mañá rastrexos pola zona das marismas de Alba, Mourente e a contorna do río Lérez e un grupo de familiares e achegados realizaron unha batida de procura durante a mañá, todos sen éxito.
O xefe do posto da Garda Civil do Grove atopou o corpo nunha zona de difícil acceso da praia de Areas, en Sanxenxo, mentres estaba a pasear fóra de servizo. Respondía as características do corpo visto por uns surfeiros flotando á deriva na tarde do domingo na praia de Canelas. Ademais, a roupa que levaba coincidía coa descrición facilitada pola familia do que vestía Salvador Otero cando desapareceu.
Tras o achado do cadáver, efectivos da Policía Nacional de Pontevedra que levaban as dilixencias pola desaparición de Salvador Otero desprazáronse ata a propia praia de Areas para recoñecer o corpo e tentar determinar se coincidía co do pontevedrés.
Tras ese recoñecemento, e unha vez autorizado o levantamento do cadáver por parte da autoridade xudicial, o corpo foi trasladado ao Hospital Provincial de Pontevedra para poder practicarlle a autopsia. As probas forenses poderán determinar sen ningún xénero de dúbidas a identidade do falecido.
A identificación definitiva será a través da pegada dactilar e, no caso de que quede algunha dúbida, podería realizarse algunha análise complementaria. De momento, xa se produciu unha identificación facial.