Piden colaboración cidadá para localizar un veciño de Mourente desaparecido desde o domingo
Por Natalia Puga
A familia de Salvador Otero Somoza pide colaboración cidadá para localizalo, pois falta do seu domicilio na parroquia pontevedresa de Mourente desde este domingo 18 de marzo e, desde entón, non tiveron noticias del nin do seu posible paradoiro.
A desaparición xa foi denunciada oficialmente ante a Policía Nacional sobre as 15.00 horas deste domingo. Unha filla acudiu a denunciar a súa ausencia tras decatarse de que non regresaba á súa vivenda ao mediodía. Saíra pola mañá e á hora da comida nin regresara a casa nin aparecía en ningún dos lugares nos que lle buscaron.
Unha vez formalizada a desaparición na Comisaría Provincial, iniciouse a busca formal. Preguntouse a todas as persoas que podería ter noticias do seu paradoiro, pero ninguén achega ningún tipo de dato.
Salvador Otero ten 63 anos e é veciño da zona de Santa Margarita de Mourente. Mide 1,60 de estatura, pesa 75 quilos e ten ollos castaños e o cabelo curto, liso e canoso.
A alerta foi trasladada a SOS Desaparecidos, que está a difundir desde o domingo un cartaz coa súa foto e datos persoais no que se especifica que, no momento da súa desaparición, Salvador Otero vestía vaqueiros azuis, plumífero con carapucha cor azulón con costura laranxa da marca Quechua e botas negras.
A procura para dar co paradoiro de Salvador Otero está coordinada pola Policía Nacional, pero tamén se pediu a colaboración da Garda Civil e a Policía Local. Todas as patrullas dos tres corpos policiais que saen á rúa contan cunha foto do sexagenario e cunha descrición das súas características.
Toda persoa que teña noticias do seu paradoiro pode poñerse en contacto coa Policía Nacional de Pontevedra ou o número de emerxencias do 112 Galicia.