Sanxenxo ultima unha ampla programación para celebrar o 8-M
Por Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM) de Sanxenxo presentou a intensa programación que desenvolverá para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Fixérono ante as asociacións de mulleres do municipio a concelleira de Servizos Sociais, Silvia Freire; e a directora do CIM, Laura Tomil.
Este ano desde o CIM municipal organizáronse unha serie de eventos, actos e actividades que esperan contar coa participación de todos os veciños de Sanxenxo.
Haberá un ciclo "muller e saúde" que comezará cun obradoiro práctico de relaxación e psicoloxía, eminentemente práctico, que se desenvolverá o día 2 de marzo, ás 17.30 horas no Pazo Emilia Pardo Bazán.
Ademais, organizarase unha charla de fisioterapia uroxinecolóxica en As Canteiras-Noalla o 6 de marzo; e ofrecerase un bono de spa Día da Muller, a utilizar desde abril ata outubro, no Hotel Galatea. Estes bonos terán un prezo de 18 euros e a súa compra deberá realizarse do 12 ao 16 de marzo.
Dentro desta programación tamén se presentará o IV Plan de Igualdade entre mulleres e homes do Concello de Sanxenxo, 2018-2020. Esta presentación será o día 5 de marzo, ás 10.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial.
O propio día, o 8 de marzo, celebrarase o acto de entrega do premio á traxectoria das mulleres de Sanxenxo, que recoñecerá a unha muller elixida de entre todas as propostas polos veciños e veciñas do Concello. O prazo para a presentación de candidaturas no rexistro do Concello finaliza o 1 de marzo.
Este premio busca facer visible, recoñecer e difundir a traxectoria persoal, social, cultural, profesional e/ou empresarial das mulleres de Sanxenxo a través dunha convocatoria anual.
O día 10 de marzo, ás 21.00 horas, o teatro será o protagonista a través da obra Pementeiras, unha historia de empoderamento feminino, da compañía Xoré Teatro. Será no Pazo Emilia Pardo Bazán e terá un prezo de entrada de 3 euros.
A programación concluirá o día 11 de marzo cunha andaina pola igualdade. Esta andaina sairá ás 10.00 horas, do edificio de Servizos Sociais de Portonovo. Será un percorrido circular de 10 quilómetros de distancia ata o Miradoiro de Palacios e volta.
Relacionadas:
-
Celebración do 8-M coa presenza dunha das mulleres españolas que Google considera influencer
Por Redacción |
-
Amanda Sabarís, premio á traxectoria das mulleres en Sanxenxo
Por Redacción |
-
61 medidas para avanzar na igualdade entre mulleres e homes en Sanxenxo
Por Natalia Puga |
-
Sanxenxo recoñecerá anualmente a traxectoria dunha muller do municipio
Por Redacción |
-
Mochilas viaxeiras que educan en igualdade
Por Redacción |
-
Os institutos de Sanxenxo participan na mesa local contra a violencia de xénero
Por Redacción |