O PP quere regular o uso das instalacións deportivas municipais
Por Oskar Viéitez
Os populares solicitan a elaboración dunha normativa que permita aos veciños de Pontevedra o uso e desfrute das instalacións deportivas municipais e os seus servizos e actividades.
A excepción do Pavillón Municipal dos Deportes, que dende 1989 conta cunha ordenanza que regula a "taxa por prestación de servizos" e que tal e como apuntou o edil popular, Tomás Abeigón, "aínda aparecen os cálculos en pesetas", ningunha outra instalación deportiva municipal ten regulado nada ao respecto.
En consecuencia, segundo o PP, dende o pasado mes de xuño, o Concello de Pontevedra impide a realización de partidos amistosos nas instalacións deportivas municipais, amparándose na ausencia dunha normativa que permita aboar o uso e desfrute de ditas instalacións.
Esta situación, di Abeigón, está a afectar directamente a arredor de 150 participantes destes encontros, que dende hai máis de 15 anos veñen utilizando estas instalacións municipais e que actualmente sofren "un auténtico desprezo" por parte do goberno nacionalista.
Para os populares "se constata unha vez máis a nula atención ao deporte local, o deporte base. O deporte pontevedrés ten que despertar por fin deste pesadelo no que o goberno nacionalista o ten inmerso. Non hai plan, todo se improvisa", lamentou Tomás Abeigón.
Transcorrido un ano dende a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD), o PP conclúe "que este cambio supuxo un auténtico fracaso", pois "a cidade non só presenta os mesmos problemas en materia deportiva que antes, senón que este víronse agravados e incrementados", destacou o edil popular
Abeigón puxo como exemplos desta "nefasta política en materia deportiva" a situación das piscinas de Campolongo, o déficit de instalacións deportivas municipais e "a falta de mantemento e control das existentes ou subvencións deportivas que seguen sen entregarse aos clubs deportivos da nosa cidade dende o ano 2015".
Relacionadas:
-
PP e PSOE enfróntanse pola prohibición do uso das instalacións deportivas municipais a entidades privadas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
O PP reclama a apertura da cafetería e melloras no Pavillón de Deportes
Por Redacción |
-
Abeigón (PP) pide ao Concello que asuma a xestión e mantemento do pavillón de Monte Porreiro
Por Diego Espiño |
-
O PP asegura que clubs deportivos de Pontevedra continúan sen recibir as axudas municipais correspondentes ao 2015
Por Redacción |