Dous acusados negan que se dedicasen ao trapicheo na barriada dos Salgueiriños, a escasos metros dun colexio
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Dous pontevedreses sostiveron este martes a súa inocencia ante o tribunal da Audiencia Provincial que os está xulgando por un delito contra a saúde pública por dedicarse presuntamente a trapichear con haxix e cocaína no barrio pontevedrés dos Salgueiriños, nas inmediacións do colexio Sagrado Corazón e coincidindo, en ocasións, coas horas de entrada e saída dos escolares ao centro educativo.
Ambos, Carlos C.C. e José B.T, foron detidos no outono do ano 2014 tras un operativo da Policía Local establecido entre os meses de setembro e novembro e no que os axentes observaron varias transaccións de drogas protagonizadas por eles dúas. O punto de partida desa vixilancia policial foron as "numerosas" denuncias de veciños do barrio e de pais de alumnos do colexio pola intensa actividade de trapicheo na zona.
O fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, sostén que ambos se dedicaban a vender substancias estupefacientes a outras persoas a cambio de certas cantidades de diñeiro no interior da barriada e destaca que a zona está situada a escasos metros do centro escolar e no seu escrito de acusación relata seis desas transaccións. Os acusados negáronas todas.
Ao procesado Carlos C.C. o fiscal atribúelle cinco transaccións e pide que sexa condenado a catro anos de prisión e o pago dunha multade 1.118,22 euros por un delito contra a saúde pública. El explicou que frecuentaba esa zona porque tiña varios amigos que vivían alí e adoitaban consumir drogas na zona cando se xuntaban, pero nunca vendeu esas substancias.
No seu caso, negou unha a unha as cinco explicacións dando explicacións variadas ás presuntas vendas que presenciou e fotografa a policía. Unha desas, ocorrida o 2 de outubro e na que presuntamente vendeu 1,463 gramos de resina de cannabis, foi, segundo el, en realidade, unha quedada cun amigo co que se ía a un concerto.
Para o acusado José B.T. o fiscal pide sete anos e medio de prisión e unha multa de 231,36 euros. El tamén negou a única transacción que lle atribúe o escrito de acusación, que, no seu caso, foi de cocaína. Ao outro procesado acúsano de vender cannabis.
Eses feitos producíronse o 2 de outubro de 2014 e o fiscal sostén que vendeu 0,8 gramos de cocaína, con valor de mercado de 77,12 euros. Vendeuna presuntamente por 50 euros, pero el negou tales acusacións.
O xuízo celebrado na Sección Cuarta da Audiencia incluíu a declaración dos dous procesados e de tres axentes da Policía Local que presenciaron os feitos como parte do dispositivo especial de vixilancia. Mentres un vixiaba e presenciaba e fotografaba os intercambios, os outros esperaban nun lugar próxima e daban o alto aos supostos compradores.
Un deles expuxo ante o tribunal as queixas veciñais pola inseguridade e os trapicheos de droga na zona. "Los vecinos ya no salían a la calle prácticamente", indicou o axente, que engadiu que algún veciño mesmo relatou ameazas cando pasaban polo lugar porque supostamente os acusados sentían "incordiados por los vecinos en el sentido de que no podían actuar impunemente". Ademais, tanto este policía como os outros que compareceron insistiron en que todo ocorría a escasos metros do colexio Sagrado Corazón.
Pola sala de vistas tamén pasaron dous supostos compradores. Un negou coñecer aos procesados e comprarlles droga e outro sinalou que era certo que aquel 2 de outubro fora co procesado Carlos C.C. a un concerto para o que levaban cannabis.
Faltan por declarar outros dous presuntos clientes, pero non se presentaron no xuízo -uno non fora citado-. Para favorecer o seu testemuño, o xuízo continuará outro día.