Os deputados provinciais aceptan publicar o seu patrimonio, pero o BNG cre que é unha "auténtica tenderetada"
Por Alejandro Espiño
Ata o próximo 3 de maio. ÿ o prazo que se marcan PP, PSdeG-PSOE e BNG para que os 27 deputados provinciais presenten a súa declaración de bens. Así o acordaron os tres partidos na xunta de voceiros que se celebrou este venres. Nela aprobaron por unanimidade un modelo que lles servirá de base para a recompilación e presentación deste documento e que foi elaborado polo secretario da administración provincial.
Os tres voceiros consideraron perfectamente válido o modelo establecido polo que, a partir de agora, será distribuído a todos os membros da corporación provincial para que poidan facer pública a súa declaración. Pretenden así unificar os criterios para a presentación dos datos, de forma que sexa o máis transparente posible. Recollerá, entre outras cousas, as propiedades inmobiliarias, os coches, as accións e participacións en empresas ou as contas bancarias dos deputados.
Neste sentido, o voceiro popular e vicepresidente da Deputación, José Manuel Figueroa, explicou que se trata dunha declaración voluntaria, pero que é "unha demanda que se está plantexando" e todos os deputados provinciais do grupo popular, 16 máis o presidente, xa confirmaron que si presentarán as súas declaracións de bens e intereses.
Figueroa lembrou que esa declaración está xa feita na secretaría da Deputación por todos os membros da corporación, e o que se fará agora é, nun formato unificado e común para todos os membros da corporación, publicala na web e máis no Boletín Oficial da Provincia, seguindo o principio de "máxima transparencia".
Desde o PSdeG-PSOE, Santos Héctor, mostrou a súa satisfacción por este acordo. Celebrou que "afortunadamente Louzán entendeu que debe facer pública a súa declaración de bens, porque é o que nos veñen esixindo os cidadáns, ese exercicio de transparencia". Confirmou ademais que os seis deputados socialistas aceptaron facela pública "para que os cidadáns poidan cotexar desde a evolución dos nosos ingresos desde que iniciamos a nosa actividade política".
MOSQUERA CRE QUE ÿ "UNHA AUTÿNTICA TENDERETADA"
"O que fixera algunha falcatruada non a vai a declarar, como non declarou Bárcenas as contas en Suíza", di Mosquera
Pero no BNG hai una visión diferente sobre este asunto. Os seus catro deputados publicarán o seu patrimonio, pero César Mosquera cualificou este proceso de "auténtica tenderetada que non vale para nada". Explicou que "o que fixera algunha falcatruada non a vai a declarar, como non declarou Bárcenas as contas en Suíza". De aí que insista en que están protagonizando "un espectáculo bochornoso ao que nos sometemos, pero sobre o que non estamos de acordo".
Mosquera asegura que se toma esta decisión "por unha presión política inducida por Feijóo", pero insistiu en que "é unha auténtica coña". Entende que "non haberá ninguén con dous dedos de frente, que teña uso de razón que vaia poñer que ten na casa sete reloxos de ouro, aínda que sexa gañados honradamente, porque estamos decíndolle á xente que veña a roubarnos".
En todo caso reiterou que desde o BNG "farémolo porque non temos contas en Suíza, non seu os demais, pero en todo caso se as teñen non as van declarar".