Mosquera pon á venda todo o seu patrimonio como mostra da "máxima transparencia" do BNG
Por Alejandro Espiño
Os deputados do BNG dan un paso máis que o resto na declaración de patrimonio que se pactou na Deputación de Pontevedra. Entenden que o acordado é "inútil", xa que segundo o seu portavoz, César Mosquera, ao ser unha declaración voluntaria "se tes cartos en Suiza e non os declaras, non pasa nada". Por iso é polo que decidiron presentar unha declaración xurada de documento público. "Se non declaras algo que tes, poderías ir ao cárcere".
"Aceptamos facer a declaración pero ímola facer de forma que valga para algo, que realmente teña consecuencias e sexa coherente co patrimonio de cada quen", explicou César Mosquera. Di o portavoz nacionalista que no caso das declaracións voluntarias, que farán PP e PSOE, "podes tirar da fantasía que lles pete" e o que presentará o BNG "é algo moito máis serio, porque se hai falsedades habería responsabilidades penais".
Pero esa declaración xurada vai moito máis alá, porque ademais de reflectir o seu patrimonio, os deputados do BNG aseguran non ter condutas impropias como cargo público. Con lixeiras variacións, segundo as súas respectivas situacións persoais, buscan demostrar así que "non temos nada que ocultar o do que avergoñarnos", dándolle un contido real, di Mosquera, "a este trámite perverso".
Así, entre outras cousas, afirman que nunca recibiron sobres ou sobresoldos opacos, que non teñen contas en Suiza ou en paraísos fiscais, que nunca foron de cacería ou vacacións a conta de fondos públicos, que non teñen propiedades ocultas, que nunca aceptaron agasallos ou prebendas, que non recibiron clases de golf ou doutro tipo pagadas polo erario público ou que nunca organizaron festas pagadas por empresas con intereses no sector público.
"Se alguén ven cos cartos, véndollo todo", explicou, ao entender que así "non haberá dúbidas do noso compromiso público"
E no caso concreto de César Mosquera afirma que, malia ter familiares na Illa de Arousa nunca tratou con narcotraficantes nin foi de viaxe con eles, que nunca tivo ingresos fóra do seu traballo como profesor ou como cargo público, que desde 1979 ten sempre coches de segunda man e que unha parte significativa do seu salario aportouno para a organización política que representa e que o propuxo para os seus cargos públicos.
Tanto é así que Mosquera chega a incluír no documento unha garantía de valor de mercado. ÿ dicir, comprométese a vender todo o seu patrimonio polo valor que se reflicte na declaración. "Se alguén ven cos cartos, véndollo todo", explicou, ao entender que así "non haberá dúbidas do noso compromiso público". Insiste que o resto "é unha tomadura de pelo" e débese a que "intentan dar unha imaxe de transparencia e de que non hai corrupción".
Os deputados do BNG presentarán mañá na Deputación as súas declaracións xuradas. Os datos concretos faranse públicos a través do Boletín Oficial da Provincia nos próximos días.