Cerdedo-Cotobade impulsará un banco de aluguer de casas
Por Alejandro Espiño
Manter o crecemento demográfico que se logrou durante o primeiro ano da fusión. Ese é un dos obxectivos que se marcou o Concello de Cerdedo-Cotobade, que está a ultimar unha serie de medidas para conseguilo. Unha delas é a creación dun banco de aluguer de casas.
O presidente municipal, Jorge Cubela, entende que este programa servirá para atraer ao seu municipio a novos residentes, especialmente xente nova, atraídos pola proximidade do concello a Pontevedra e os prezos alcanzables que terán estes pisos.
Esta iniciativa, que aínda se está concretando, foi avanzada polos responsables municipais. Parte da idea de animar a todas as persoas que conten con vivendas baleiras no municipio a que se somen a este programa, que será similar ao posto en marcha na Veiga (Ourense).
Con este banco de casas, o Concello espera reunir toda a oferta de vivenda dispoñible, para que os interesados en alugar unha delas poidan contar coa información necesaria. Un dos requisitos para poder ocupalas será empadroarse no concello.
Para os propietarios, ademais, haberá axudas para que poidan rehabilitar e mellorar estas vivendas.
Entre as cuestións que quedan por concretar, segundo Cubela, é o prezo que terán eses alugueres, aínda que garantiu que terán prezos razoables.