Unha veciña de Barro presenta alegacións ao orzamento para que se cumpra unha sentenza urbanística
Por Diego Espiño
A non inclusión no orzamento de Barro para 2018 dunha partida específica para a demolición da ponte sobre o Rego Areal, en San Antoniño, motivou a presentación de alegacións ás contas por parte dunha veciña do municipio.
Patricia Eirín Carreira solicita que se cumpra coa sentenza da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), á que que recorreu no seu momento e que en 2014 ditou unha sentenza que obriga á reposición dos terreos afectados ao seu estado orixinal ao entender que as obras non se adecuaban á legalidade urbanística vixente.
"O pasado mes de setembro a APLU dirixiu un escrito ao Concello de Barro no que se reitera", asegura Erirín.
Por todo iso esta veciña solicita que se inclúa unha partida específica a este fin. Segundo unha valoración elaborada por unha "técnica competente", asegura que as obras de demolición da ponte ascenderían a 155.668 euros.
Nas súas alegacións á sentenza da APLU, o Concello de Barro argumentou que a actuación denunciada estaba amparada por un expediente de modificación puntual do PXOM para adecuar a estrutura viaria da zona aos desenvolvementos residenciais. Ademais sinalou que no momento de incoar expediente urbanístico transcorrera o prazo máximo de seis anos establecido para ese efecto desde a finalización dos traballos.