Barro aproba os orzamentos para o ano 2018 cun importante incremento do gasto social
Por Redacción
O pleno do Concello de Barro aprobou o orzamento para 2018, que ascende a 2.185.300 euros. Trátase duns orzamentos baseados no control do gasto público e a procura da eficiencia e eficacia da xestión municipal. Ademais reflicten o compromiso coa estabilidade orzamentaria da administración local.
O goberno local sinalou que o obxectivo é que este concello sexa unha administración ben xestionada e solvente, que reduce o seu endebedamento e que se rexe polo equilibrio orzamentario, mantendo a mellora dos servizos básicos, a atención ás persoas que peor o están pasando nesta situación económica e a conxelación de taxas e impostos.
O orzamento do exercicio 2018 caracterízase por un incremento no gasto social de máis de 70.000 euros, chegando a área de servizos sociais aos 358.600 euros. Ademais, o goberno local destaca que "séguese apostando pola dinamización sociocultural do Concello e por contribuír á creación de emprego e á promoción económica. A posta en valor do noso patrimonio e dos nosos recursos turísticos terán, de igual maneira, unha atención especial".
Recóllese tamén unha partida económica para pagar o funcionamento da escola infantil, pois a Xunta, a través de cambios lexislativos, obriga aos concellos a pagar polos gastos totais de funcionamento das mesmas, e non só o mantemento, como pasaba até o de agora.
Tamén se consignan case 200.000 euros para seguir amortizando a débeda do Concello.
No capítulo de investimentos resérvanse partidas para a ampliación da traída de augas, o alumeado público, aumentar a rede de saneamento e a mellora de viais.
Os investimentos confirmados entre fondos propios e o convenio coa Deputación para rematar e dotar de servizos á estrada de Perdecanai, ascenden a 384.000 euros, ao que haberá que engadir outros 300.000 do Plan Concellos 2018.